Non buscou unha contrapartida material para xustificar o seu compromiso militante. Podía ter aproveitado as vantaxes potencialmente asociadas ao seu currículo profesional mais preferiu enfrontar as derrotas parciais e ofrecerlle á sociedade galega a súa permanente disposición a traballar por un horizonte de liberación nacional e de benestar para as clases subalternas
Coñecín persoalmente a Xosé Manuel Beiras no mes de Outubro de 1974, cando entrei a formar parte do cadro docente da Facultade de Ciencias Económicas da USC. Pero foi a partir dos primeiros meses de 1976 -poucas semanas despois da morte de Franco- cando tiven ocasión de iniciar unha prolongada relación política con el por mor da común participación nas xuntas do Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG) onde representabamos, respectivamente, ao PSG e ao MCG.
Resumir unha experiencia política compartida de 50 anos nun formato xornalístico coma este resulta imposíbel. Moito mais, tratándose dunha persoa coa intensa e poliédrica traxectoria vital que protagonizou Xosé Manuel. Farei, pois, uns poucos apuntamentos parciais.
No comezo do posfranquismo, Beiras tomou unha decisión transcendental. Sen abandonar a súa condición de intelectual e pensador académico, optou pola participación directa na actividade política asumindo responsabilidades dirixentes no Partido Socialista Galego. Quería estar presente nunha ferramenta organizada para tratar de atopar fórmulas concretas de transformación da realidade social que previamente tivera analizado nos seus traballos de investigación. Atravesando esa liña, Xosé Manuel priorizou o compromiso urxente que requiría aquel momento histórico por riba do eventual mantemento do meritorio status profesional que tiña acadado. Asumiu cabalmente semellante reto e pagou un elevado prezo persoal pola aposta realizada. O insuficiente apoio electoral recibido na primeira cita coas urnas acontecida no mes de Xuño de 1977 provocou o que el mesmo descrebeu, posteriormente, como unha "viaxe aos infernos" que non rematou até os últimos meses do ano 1981. E, nese momento, Xosé Manuel escrebe outra páxina relevante da súa vida pública: no canto de buscar un lexítimo refuxio no territorio académico para exercer unha influenza no ámbito das ideas transformadoras cara as novas xeracións, decide regresar ao universo da política organizada participando na fundación do BNG no outono de 1982. Naquela altura, a situación do nacionalismo galego ofrecía mostras de precariedade que non convidaban a debuxar expectativas de éxito a curto prazo.
Hai outra dimensión que considero necesario destacar nesta triste conxuntura da súa desaparición física. Xosé Manuel construíu o seu ideario a partir da síntese de dúas correntes de pensamento presentes na primeira metade do século XX: o marxismo e o nacionalismo galego
Velaquí unha primeira conclusión sobre o percorrido de Beiras como dirixente político: non buscou unha contrapartida material para xustificar o seu compromiso militante. Podía ter aproveitado as vantaxes potencialmente asociadas ao seu currículo profesional mais preferiu enfrontar as derrotas parciais e ofrecerlle á sociedade galega a súa permanente disposición a traballar por un horizonte de liberación nacional e de benestar para as clases subalternas.
Hai outra dimensión que considero necesario destacar nesta triste conxuntura da súa desaparición física. Xosé Manuel construíu o seu ideario a partir da síntese de dúas correntes de pensamento presentes na primeira metade do século XX: o marxismo e o nacionalismo galego. Na miña opinión, a singularidade de Beiras radicou na súa capacidade creativa para adaptar esas fontes teóricas ás realidades sociais que foi coñecendo. Fuxindo das interpretacións dogmáticas que se predicaban no seo desas culturas políticas nas que el operaba foi quen de aportar innovacións relevantes. Así ocorreu no seu papel decisivo na conformación do BNG como unha novidosa combinación unitaria de distintos segmentos organizados. E tamén sucedeu coa súa aposta pola implicación do nacionalismo galego na dinámica dos foros internacionais altermundistas que se foron consolidando nos comezos deste século.
Para as novas xeracións, a andaina vital de Xosé Manuel Beiras deixa unha importante e inesquecíbel herdanza de compromiso e creatividade.