Xaque a Godot

Gústame o teatro do absurdo. Ionesco, A cantante calva e Beckett. Sobre todo Beckett; Esperando a Godot. Un espello onde se nos revela o mendigo interior; esa parte de nós que detesta a lóxica existencial. Cando a rutina nos cuspe a súa falta de sentido. Traballar, estar no paro, interactuar cos demais. Comer, vestir, organizarse. Mais, sobre todo, finxir normalidade. Como se o máis importante fose simular que se entende o mundo.

Ás veces, imaxino que quebramos xuntos as máscaras aparentes, para celebrar a dúbida, o caos e a debilidade humana. Fantasío sobre o potencial vagabundo de aprender alén da razón, sen lindes obxectivos. Ata concluír que só eses personaxes ceibes nos poderían converter en persoas. Sempre que superásemos o eterno problema: quen é Godot? E onde vai? Interrogantes, ambos, fundamentais para intuír a realidade desde a concepción literaria comentada.

Intuír a realidade desde unha concepción literaria? Si. En principio pode parecer iluso, grotesco e, incluso delirante. Pero non o é o panorama que nos rodea? Que mellor hermenéutica, pois, que a capaz de adaptarse ao interpretado?

Vexámolo mediante un exemplo práctico: poñamos que se quere construír unha mina de ouro a ceo aberto. Conxecturemos que o lugar en cuestión se sitúa na fértil comarca bergantiñá e que o proxecto implica o emprego de tecnoloxías a base de cianuro, así como a produción duns residuos ricos en arsénico. Figurémonos, asemade, que de romper a velenosa balsa, se xerase un vertido tóxico con danos irreparables en todo o esteiro do Anllóns; lodos cos que se asinaría a partida de defunción da Costa da Morte. De maneira que a orixe do seu topónimo se cumprise nun fatídico final, como nas traxedias gregas máis crueis. E eis, novamente, a hermenéutica literaria.

Volvendo, xa que logo, á labor de interpretación, atopamos un primeiro nivel de lectura; o da lóxica inmediata. Se construír a mina supón a creación de 200 postos de traballo máis a compra de terreos sen antes explotar, o risco está xustificado. Nun tempo de crise, como o actual, ese é o argumento dunha grande parte da poboación... Ou non? Para comprobalo, sigamos escavando nos diferentes planos textuais.

Unha segunda postura, máis profunda, é o escepticismo dos personaxes absurdos. Quen ten a potestade de emitir xuízos “verdadeiros”? Que é máis importante, salvar o presente ou construír o futuro? Non deberían os veciños decidir o destino das súas propiedades? Teñen dono os espazos xeográficos comúns? Ou Corcoesto somos todos?

Esas dúbidas poden ficar nun cuestionamento perpetuo dos feitos sobre os que se reflexiona ou ben evolucionar ata a pregunta clave: que pasa con Godot? Tal punto de inflexión é o que nos orienta ao fondo da problemática examinada.

Mentres algúns cidadáns asimilan razoamentos lóxicos e outros, beckettianos, centrifugan o maxín, sempre hai un Godot controlándoo todo. Un Godot ambicioso e interesado que vende siloxismos aos primeiros e se aproveita dos que enredan no absurdo existencial. Godot, quen, trala súa ausencia anónima, move as pezas do taboleiro. Tecendo estratexias entre as redes do capital.

Xaque?

Transfirámolo ao cronotopo de Corcoesto, chamemos a Godot polos seus nomes e comprenderemos o noso papel dentro da función que nos montaron.

Xaque.

Quizais, tras o pano teatral, atopemos as verdades que nos ocultaron. Pode que, a tremoia aberta, descubramos a xogada mestra; explotar os recursos naturais de maneira autónoma e sostible, manter e mellorar o atractivo turístico da zona; investir nun beneficio colectivo, seguro e san. No canto de agardar por Godot.

Mate.

É ou non posible intuír a realidade desde unha concepción literaria?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.