En 2013 a oposición venezuelana perdeu as eleccións municipais, democraticamente. Entón a extrema dereita tomou a iniciativa e rompeu con Enrique Capriles, líder da MUD, a plataforma opositora. Leopoldo López chamoulle traidor, calculou que polos votos non se podía gañar, montou “La Salida” e anunciou que incendiaría as rúas de Caracas. “Ante el problema de la terrible crisis, atornillamos al gobierno con violencia”. As guarimbas asasinaron 43 persoas e feriron 800. Os tribunais xulgaron a Leopoldo e condenárono a trece anos, que até hai uns días cumpría en arresto domiciliario, por razóns humanitarias.
As guarimbas asasinaron 43 persoas e feriron 800. Os tribunais xulgaron a Leopoldo e condenárono a trece anos
Leopoldo apareceu o 30 de abril subido a unha ponte con Juan Guaidó, dicindo ambos que estaban dando un golpe de estado. Fracasaron, o ministro de exteriores español declarou que non apoiaba golpes e entón Leopoldo refuxiouse na embaixada española, tamén para “atornillar”.
Uns meses antes o goberno español recoñecera a Guaidó como presidente encargado, con poucas gañas. Fixérao forzado pola presión enorme de EEUU. Foi unha imposición humillante. EEUU traballa moito así.
Desde aquela o Estado español sitúase á marxe do dereito internacional e asume para Venezuela a estratexia de Trump, a da extrema dereita estadounidense. Moi irritados, é verdade; de feito tratan de desmarcarse, dicindo que Leopoldo molesta na embaixada e que o presidente estadounidense parece un cowboy, pero o malestar é unha cousa e a política real outra.
Debido aos seus vínculos España debería liderar a posición europea
Debido aos seus vínculos España debería liderar a posición europea. Europa carece de iniciativa nisto, non ten nervio, é subalterna, frouxa, e obedece tamén o proxecto golpista e invasor da extrema dereita americana. Mais debería romper con ela e sumarse aos países que buscan unha solución pacífica e negociada, que son varios.
Nos medios de comunicación apenas se volveu falar de Leopoldo desde o día que entrou na embaixada. Reina o silencio, tamén o estado venezuelano está calado. Así que algo se estará movendo e talvez sexa positivo.