Yolanda Díaz, presidenta?

Yolanda Díaz e Pedro Sánchez, na Moncloa o 7 de outubro de 2021 © Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa

Recentemente tanto José Félix Tezanos como Iván Redondo destacaron as fortalezas demoscópicas de Yolanda Díaz. O primeiro dándolle un crecemento significativo nas enquisas a UP, o segundo chegando a prognosticar que podería ser a próxima presidenta do goberno.

Ben é certo que os prognósticos e análises de ambos non son moi de fiar. Tezanos é o mesmo que se empeñou en demostrar as posibilidades da esquerda nas pasadas eleccións madrileñas desatendendo todos os datos sociolóxicos que apuntaban a existencia dunha corrente de fondo favorable á dereita máis aló da campaña electoral (a comparativa do resultado final co do reconto CERA demostran á clara que a vitoria de Ayuso non se labrou en quince días de campaña). Con Redondo xa non se sabe cales son erros e os seus acertos porque existe unha nebulosa que non deixa claro onde existe responsabilidade directa ou non, e desde a súa saída da Moncloa todo está impregnado dunha certa vendetta.

En todo caso e se esta vez tivesen algo de razón estes ‘xigantes’ da socioloxía aplicada?

Levo dicindo hai tempo que, aínda que é certo, que a nova política en xeral -Podemos en particular- está morta, e asistimos a un repregamento bipartidista; ao contrario, o episodio de cambio, aberto simbolicamente polo 15M, non o está na medida que os motivos que deron lugar á súa aparición seguen sen ter resposta unha década despois e que a desafección -por tanto, a crise de representatividade- non só non se resolveu senón que se ampliou a brecha entre a sociedade e os seus representantes.

Nese contexto calquera iniciativa que pase por superar Podemos e retomar a senda do 15M pode ter certo éxito electoral, ben para frear a caída, ben para retomar unha senda ascendente.

Nese sentido, soamente a substitución de Pablo Iglesias por Yolanda Díaz no liderado do espazo de Unidas Podemos xa tivo un resultado práctico que é a baixada de decibelios na política española, que nun momento de crise institucional como no que estamos instalados é unha boa noticia para a democracia.

Díçise que o proxecto de Yolanda Díaz é personalista, nada distinto ao que calquera outro proxecto vello ou novo da política española dos últimos tempos. Tamén se critica a súa ambición. Podería botar man dun argumentario feminista pero demasiado simple. Mellor referenciarse na resposta que Thaddeus Stevens, líder do sector radical do partido republicano, deu aos congresistas cando puxeron en cuestión a moralidade de Lincoln: “Confianza? Oh, síntoo! Estaba baixo o malentendido de que a profesión elixida por vostedes era a política."

Coñezo a Yolanda Díaz hai anos e é unha persoa que non se move polo sectarismo e é elegante na contenda política. Cando a crise dos noventa de Esquerda Unida tocounos estar en posicións enfrontadas o cal non impediu manter a amizade nin que volvésemos colaborar en Alternativa Galega de Esquerdas. O final de En Marea merecería un apartado específico e ben se podería dicir: “o que estea libre de pecado, que tire a primeira pedra” (https://praza.gal/opinion/cando-se-fodeu-en-marea)

Se hai unha persoa que pola súa capacidade de traballo e sedución pode reflotar o espazo radical democrático é sen dúbida ela. No en tanto, o proxecto de ‘fronte ampla’ -vou respectar a denominación aparecida en prensa neste tempo- ten catro problemas para o seu avance.

A corrente de fondo que xoga a favor da dereita en España, con datos demoscópicos moi preocupantes, só explicables ante a sensación dunha parte importante do electorado de que a esquerda renunciou a ter un proxecto nacional. E digo ben, proxecto nacional, porque as construcións de identidade non son no século XXI exclusivistas e por tanto pódese ter un proxecto nacional para España, desde o convencemento da existencia de realidades nacionais no seu interior ou do desexo democrático -case unha necesidade nunha globalización bipolar chinés-americana- de culminar a construción nacional de Europa. 

A redución do novo proxecto á esquina do taboleiro, á tentación de refundación do espazo da esquerda do PSOE ou á nostálxica recreación dun frentepopulismo sectario que o situaría como unha alianza non construtiva, acurralada e sen capacidade de chegar a amplos sectores sociais. A cousa é así: non existe unidade da esquerda sen a participación do PSOE e non existe unha alternativa de radicalidade e rexeneracionismo democrático co PSOE. Ou, dito doutra forma: a nova política non viña para refundar os espazos da esquerda e da dereita radical e converter a democracia española no galimatías no que se ten convertido senón a substituír as vellas elites por unhas novas e ao PP e PSOE por Cs e Podemos, respectivamente. 

As últimas declaracións de Yolanda Díaz apuntan a unha aposta por construír un proxecto transversal, recuperando o impulso orixinario do 15M e o ideario do primeiro Podemos. Imaxino que é consciente que con esa aposta crúzase un punto de non retorno que non gustará aos actuais dirixentes de Podemos.

O papel dos partidos. Sei da coincidencia intelectual de Yolanda Díaz con moitos dos que, desde o ciudadanismo, formulamos diferentes saídas ao papel asfixiante dos partidos, -non confundir coa necesidade dunha cultura organizativa e unha metodoloxía eficaz-. Son numerosas as intervencións nos últimos anos, algunhas compartindo palestra, nas que temos reflexionado sobre iso, pero unha cousa é a expresión sincera dunha idea e outra se na práctica é posible abordar esa renovación ou se algúns dos activos para un proceso desa magnitude non tenden a atallar por un certo tacticismo curtoplacista que antepón as urxencias ás necesidades. E volver empezar. En Galicia seria o cuarto punto de partida en 8 anos.

E isto enlaza co cuarto problema. 

A desconfianza compartida por moitos nesta última etapa. As anteriores crises da esquerda, poñamos a do PCE de 82 ou a de EU do 97, tiñan que ver co xurdimento de novas realidades ás que se tentaba dar solucións desde posicións diferentes lexítimas e honestamente formuladas no debate. Á perda de influencia do PCE a partir da hexemonía do PSOE ao final da transición ou á caída do muro de Berlín e a crise xeral do sovietismo a finais do século pasado. A diferenza destas, a crise da nova política ten un desenvolvemento de pouca honestidade militante e intelectual. As persoas que se incorporaron -ou reincorporaron- á política a raíz do 15M fixérono movidos por uns estándares de rexeneracionismo ético e de radicalidade democrática que para nada foron abordados.

Asistimos a unha crise de maior calado pola súa dimensión, pois afectaba a sectores máis amplos que os tradicionais da esquerda, e pola sensación de estafa. Iso vai significar que unha boa parte dos posibles receptores da oferta de Yolanda Díaz non se vexan esta vez interpelados ou miren con desconfianza a enésima proposta de unidade. 

En todo caso os meus mellores desexos a Yolanda Díaz no seu novo proxecto, porque sería un orgullo -e case unha revancha poética- que como galega alcanzase os seus obxectivos

Tres foron os primeiros ministros galegos na España contemporánea e todos asumiron o seu cargo en momentos de crise institucional. Dous deles, Casares Quiroga e Mariano Rajoy, actuaron como a avestruz, mirando para outro lado diante dos importantes retos a abordar. Quiroga non foi capaz de reconducir cara á concordia o ambiente radicalizado da España do 36, asegurando o respecto ao estado de dereito e prestando atención ás numerosas advertencias de golpe de estado. Rajoy non abordo a dinámica catalá coa audacia política requirida, esperando ao incumprimento da legalidade e non deixando máis saída que abordar está con solucións policiais e xudiciais.

O terceiro, Pórtela Valladares, actuou levado por unha posición escrupulosamente democrática e coa calidade humana necesaria para evitar o conflito.

Intúo que a aventura de Yolanda Díaz non vai acabar -por agora- na Moncloa, pero de ser así, desexo que a súa presidencia se mova no marco da corrente humanista de Pórtela Valladares e non na do escaqueo irresponsable que caracterizo a presidencia dos outros dous para que non se siga confundindo a desgana e a irresponsabilidade cun carácter tan propio dos galegos como a capacidade de enganar á realidade para soñar novas esperanzas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.