155 días do 155: cargos cesados, pactos paralizados e unha ameaza sobre a inmersión lingüística

Soraya Sáenz de Santamaría, antes dunha intervención sobre Catalunya © Goberno de España

"Proceder ao cesamento do presidente da Generalitat, do vicepresidente e dos conselleiros que integran o Consello de Goberno da Generalitat de Catalunya". Con estas palabras, o presidente Mariano Rajoy anunciou a aplicación do artigo 155 da Constitución por primeira vez en España, unha medida que aprobou o Senado o 27 de outubro de 2017 en resposta á declaración unilateral de independencia do Parlament. Cinco meses despois, pasados concretamente 155 días neste 30 de marzo, e celebradas unhas eleccións en Catalunya, a intervención da Generalitat mantense á espera de que se forme un novo Govern.

Supervisada polo Goberno, que se outorgou as súas competencias, a maquinaria administrativa catalá segue funcionando, pero varias iniciativas políticas quedaron paralizadas, como o Pacto Nacional pola Universidade, ou atrasadas, como as medidas contra a segregación escolar. "A xestión ordinaria viuse pouco afectada, pero algúns cartafoles abertos polos consellers quedaron case un curso sen abordar", resume un alto cargo da Generalitat. 

O departamento de Ensenyament é un bo exemplo de como a intervención do Govern afectou a dinámica da Generalitat. En cinco meses, ningún dos trámites administrativos habituais foi condicionado polo 155: convocáronse as 2.000 prazas de oposicións previstas, renováronse os concertos educativos que vencían este curso (incluídos os do Opus, aínda que JxCat, ERC e a CUP pactaran o contrario) e en breve está previsto que se aprobe a resolución anual na que constan todos os detalles da preinscrición escolar.

No ensino, ningún trámite habitual foi condicionado polo 155 pero si que se paralizaron acordos como o pacto contra a segregación escolar ou pola Universidade

Con todo, esta consellería si viu como algunhas medidas quedaban paralizadas por falta de liderado político. Sucedeu co pacto contra a segregación escolar, anunciado pola consellera Clara Ponsatí e o Síndic de Greuges e que debía conducir a un cambio do decreto de preinscricións do curso 2018-2019, con compromisos como o de distribuír o alumnado con dificultades entre todos os centros, públicos e concertados, por igual. As modificacións deberán esperar ao curso seguinte, aínda que fontes de Ensino sosteñen que si se traballou a nivel técnico para avanzar na preparación de ditas medidas.

Algo parecido ocorreu tamén na Secretaría de Universidades. As bolsas concédense ao ritmo habitual e xa se están preparando as probas de Selectividade. Pero a iniciativa estrela deste curso, o Pacto Nacional pola Universidade, que reunía por primeira vez na historia a estudantes, reitores, empresas e administración ao redor dunha mesa para abordar o prezo das matrículas ou o financiamento, quedou totalmente parado. Tras unha primeira sesión en setembro, debía reunirse en novembro e febreiro. Non sucedeu.

 

A ameaza sobre a inmersión lingüística

Antes de que acabe abril, haxa ou non novo Govern, a Administración catalá deberá aprobar a resolución das preinscricións escolares na que se inclúe o formulario que deben encher as familias. Que o faga o Ministerio de Educación ou o novo conseller non é unha diferenza menor, posto que o primeiro asegurou que quería garantir que os pais puidesen escoller o castelán como lingua vehicular, algo que suporía o desmantelamento de facto do modelo de inmersión.

En abril debe aprobarse a resolución das preinscricións escolares, que podería desmantelar o modelo de inmersión de levalo a cabo o Ministerio

Con todo, poucos dentro do departamento de Ensino esperan xa que se acabe consumando a ameaza, máis aínda que se materialice coa introdución do cadriño do castelán no formulario. O ministro Íñigo Méndez de Vigo tivo que recoñecer que non podía empregar ningunha medida que fora conra a Lei catalá de Educación que impide separar os alumnos por lingua.

Para os funcionarios contrarios á aplicación do 155, agrupados en torno ao colectivo Servidors.cat, a Generalitat "non funciona con normalidade", senón que o fai "vixiada", "ao ralentí" e "cun nivel de actividade inferior ao habitual". En ata tres informes que entregaron ao president do Parlament, Roger Torrent, fan inventario das consecuencias da intervención da Administración, desde o cesamento de cargos e despedimento de persoal ata o freo a políticas públicas. 

A aplicación do 155 supuxo o cesamento de 260 cargos eventuais da Generalitat

Sen dúbida as medidas máis drásticas asociadas ao 155 foron as que se tomaron no momento da súa aplicación: supresión do Govern, disolución do Parlament e cesamento de centos de cargos eventuais. A vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría cifrou en 260 o número de cesamentos. Entre eles, ademais de Puigdemont e os seus consellers, destaca a cúpula de Presidencia ou a última vítima do 155, Antoni Molons, ata agora secretario de Difusión da Generalitat que está a ser investigado polo financiamento do referendo do 1-O. Tamén a destitución de Josep Lluís Trapero como major dos Mossos d'Esquadra.

O Goberno central aproveitou tamén o 155 para pór fin á actividade da Generalitat no exterior, argumentando que a súa finalidade era promover o proceso independentista no estranxeiro. O Ministerio de Exteriores procedeu deste xeito a clausurar oito delegacións exteriores da Generalitat (só se salvou a que mantén aberta en Bruxelas), e a despedir tanto aos delegados, de perfil máis político, como á vintena de traballadores e técnicos. "Sabedes como se chama agora o Diplocat?", presumiu a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría en referencia ao Consello da Diplomacia catalán do que dependían as delegacións. "Chámase Diplocat en liquidació",  bromeou, na mesma comparecencia na que presumiu de ter "descabezado" o independentismo.

O Goberno central aproveitou o 155 para pór fin á actividade da Generalitat no exterior

No sentido contrario, durante este período realizáronse tamén varios nomeamentos na Generalitat, aínda que a maioría deles sen transcendencia política.  O máis relevante foi o de Juan Antonio Puigserver, secretario xeral técnico do Ministerio do Interior, nomeado responsable de Interior en Catalunya e tamén da área electoral para o 21D. Isto último converteuno na cara visible do Goberno á hora de dar conta do transcurso da xornada electoral.

Palau da Generalitat, en Barcelona / © Ajuntament de Barcelona

Efectos colaterais: de TV3 á renda mínima

A vixencia do 155 provocou quebradizos de cabeza na Generalitat non só polo que supón a intervención da Administración, senón tamén porque a ausencia do Executivo impediu tomar medidas para liquidar conflitos abertos como o orzamentario en TV3 ou o da aplicación da nova renda mínima.

Na Corporación Catalá de Medios Audiovisuais (CCMA) están a desexar que se forme Govern para poder solucionar o problema orzamentario que lles obrigou a recortar parte da grella televisiva de TV3. Como todas as televisións autonómicas, TV3 debe asumir este 2018 a un aumento do gasto polas modificacións no cobro do IVE, pero no seu caso non pode recorrer a unha ampliación orzamentaria para emendalo, porque non hai Govern efectivo que o poida aprobar.

A ausencia de Govern pasou factura á implementación da renda mínima garantida para as familias en risco de exclusión

De forma similar, a ausencia de Govern pasou factura á implementación da renda mínima garantida para as familias en risco de exclusión. O 155 non impediu que se empecen a outorgar estas axudas, pero si imposibilitou a aprobación do regulamento que desprega a lei aprobada o pasado mes de xullo, algo que levou aos técnicos do departamento de Traballo, Asuntos Sociais e Familia a ter que tomar algunhas decisións "sobre a marcha e sen un criterio claro", segundo admiten fontes do departamento. Tampouco permitiu a creación da comisión coas entidades sociais que debe supervisar a correcta aplicación da renda, algo que ha contrariado ás asociacións.

 

A intervención de Facenda segue condicionando

Preguntados polas consecuencias da intervención da Generalitat, moitos funcionarios responden que aumentou o volume de burocracia, aínda que isto débese no seu maior parte non ao 155, senón á intervención das contas de Administración por parte de Facenda, unha medida que está en vigor desde o 20 de setembro. O obxectivo do ministro Cristóbal Montoro era evitar que a Generalitat destinase nin un só euro á organización do referendo do 1-O, pero continuou despois e non hai ningún compromiso de que sexa levantado tras a formación do Govern.

O procedemento para realizar transferencias segue sendo o de "enviar un certificado ao Ministerio xustificando que ese diñeiro non vai dirixido a actividades ilegais"

O peche das contas da Generalitat afectou absolutamente a todos os organismos que dela dependen, desde as universidades ata os hospitais, pasando por múltiples consorcios, fundacións ou institutos de investigación científica. Estes últimos foron os máis belixerantes á hora de denunciar que a medida lles obriga a xustificar ante o Ministerio todos os pagos que efectúan, cousa que "entorpece" o seu funcionamento.

Así o ve Lluís Rovira, presidente dos Centros de Investigación de Catalunya (CERCA), que constata que o procedemento para realizar transferencias segue sendo o de "enviar un certificado ao Ministerio xustificando que ese diñeiro non vai dirixido a actividades ilegais". Isto supón, segundo detalla, que un trámite que antes era inmediato agora require de varios días para ser aprobado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.