A candidatura de Chacón critícalle a Rubalcaba a conformación dunha Executiva monocor

© PSOE

Carme Chacón comunicoulle a Alfredo Pérez Rubalcaba que non quería estar na nova Comisión Executiva Federal do PSOE, nin tampouco na dirección do grupo parlamentario, ao tempo que lle pedía que conformase uns órganos de dirección -Executiva e Comité federal- de integración. A integración finalmente foi mínima e os cargos próximos ao ex vicepresidente do Goberno copan a meirande parte dos postos na Executiva. José Antonio Griñán será o novo presidente do PSOE coa vista posta nas eleccións andaluzas do 25 de marzo. Elena Valenciano será a vicesecretaria, Óscar López, secretario de Organización e Patxi López, de Relacións Políticas.

Entre os próximos a Chacón só destaca a presenza de José Zaragoza como vogal. Dos 38 membros da Executiva, só sete apoiaron á ex ministra de Defensa: José Antonio Griñán, José Zaragoza e Esperanza Esteve, polo PSC, e Maru Menéndez, María Teresa Fernández, María José Fernández e Carmen Montón.

Esta decisión está a xerar incomodidade entre o sector que este sábado foi derrotado pola mínima, aínda que polo de agora as críticas son moderadas. Aínda que a Executiva recibiu un 80% de votos favorables, hai consenso en que Rubalcaba optou por unha dirección monocor, o que pode acelerar a conformación dunha corrente de oposición interna favorable a unha maior renovación do partido e a un xiro á esquerda. José Bono contribuíu a avivar este malestar afirmando sen matices que “os que perderon teñen que someterse”

Caamaño, que este sábado afirmaba que os delegados optaran por unha opción máis “conservadora”, expresou este domingo o seu respecto cara á composición da nova Executiva dominada polos cargos próximos a Rubalcaba e dixo confiar en que "garantirá a unidade e un partido forte que nos permita loitar contra a dereita máis unidos ca nunca".

Caamaño, que este sábado afirmaba para Praza Pública que os delegados optaran por unha opción máis “conservadora”, expresou este domingo o seu respecto cara á composición da nova Executiva dominada polos cargos próximos a Rubalcaba e dixo confiar en que "garantirá a unidade e un partido forte que nos permita loitar contra a dereita máis unidos ca nunca". Outras voces próximas á candidatura de Chacón foron moito máis críticas; por exemplo, Juan Antonio Belloch, afirmou que “evidentemente a nova executiva non é integradora, comezamos mal”, Cristina Narbona laiouse de que lle tería gustado “unha meirande integración” e Tomás Gómez dixo que "cada un temos un concepto do que é a integración e este é o que ten Rubalcaba". En cambio, o PSOE andaluz, que nos días previos ao Congreso pareceu inclinarse pola candidatura renovadora, pechou filas este domingo ao redor de Rubalcaba, e por exemplo  José Antonio Griñán, elixido presidente do partido, cualificou de “magnífica” a executiva federal escollida. 

En canto ao discurso programático e de ideas, caracterizado tamén pola continuidade, o máis salientable é que o futuro candidato ás eleccións lexislativas será elixido mediante primarias á francesa.

 

A representación do PSdeG

Polo que respecta á representación do PsdeG, esta fica algo reducida, con respecto á saída do anterior Congreso, na que tiña un posto tres galegos e galegas: José Blanco, Xosé A. Sánchez Bugallo e Carmela Silva. Nesta, repite Silva, que ocupará a Secretaría de Emigración e Pachi Vázquez, vogal. Estará tamén Abel Caballero, como membro nato pola súa condición de vicepresidente da FEMP. Os alcaldes, o chamado “movemento municipalista", gaña peso no PSOE, en boa medida porque se converte no único ámbito institucional (ademais de Andalucía e Euskadi, que celebrarán eleccións proximamente) no que os socialistas manteñen unha cota de poder. Caballero salientou que Vigo, a segunda cidade máis grande gobernada polo PSOE, aumenta o seu "peso político" a través deste nomeamento e o xa referido de Carmela Silva.

Pola súa banda, José Blanco, José Ramón Besteiro e Mar Barcón entrarán nun Comité Federal dominado igualmente polo continuísmo, e é probable que o faga tamén Elena Espinosa. Neste órgano, que se reúne tres veces ao ano, a representación do PsdeG aumenta, xa que da anterior composición saen unicamente dous galegos Carmen Marón e José López Orozco. Deste órgano xa formaban parte Laura Seara, Margarita Pérez Herráiz, Beatriz Sestayo, Ricardo Varela, Javier Losada, Francisco Rodríguez e Abel Caballero, que completan a representación galega no Comité.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.