A carretaxe do PP en Amoeiro sáldase con 90 euros de multa

Felisenda e Sergio, dous dos anciáns que explicaron as presións para votaren CC-BY-SA Eldiario.es

Houbo presión, manipulación ou carretaxe, pero sae barata. A Xunta Electoral de Zona vén de ditaminar sobre o caso da carretaxe do PP en Amoeiro, o mesmo que, denunciado polo PSdeG da localidade e desvelado por Eldiario.es, amosaba como anciáns eran presionados por membros da candidatura popular e persoas afins para tramitar o voto por coreo. As autoridades electorais admiten que, efectivamente, existiu unha infracción legal, pero non por carrexar ou presionar, senón por pedir o voto en precampaña. E o resultado son dúas multas que suman 90 euros.

Dúas das persoas sinaladas pola denuncia, Silvia G.M. e Beatriz A.P, son sancionadas con 50 e 40 euros, respectivamente, por solicitar o voto antes do inicio legal da campaña e só por iso. O ditame, segundo puido saber este diario, non entra no fondo da cuestión, que non é outro que o presunto uso da influencia que estas dúas traballadoras sociais poden ter sobre os anciáns que atenden para orientar o sentido da súa votación. 

Segundo a XEZ o acontecido non é máis ca unha infracción destas dúas persoas, que ocupan os postos 3 e 9 da lista do PP na vila. Por este motivo, a terceira persoa sinalada pola directora da residencia de anciáns da localidade como autora da carretaxe, Natalia V.R., nin sequera é sancionada porque non é membro da candidatura dos conservadores aínda que o seu irmán si o é. 

As dúas sancionadas sono unicamente por pedir o voto antes do inicio da campaña e a terceira sinalada, irmá dun candidato, non é multada por non ir na lista do PP

Con estas levísimas consecuencias remata un episodio no que a intención última da información achegada polo PSdeG ante as autoridades electorais, por escrito e tamén a través de vídeos, era chamar a atención sobre o que, resalta o alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino, supón "un escándalo" que "no inconsciente colectivo está instalado" como unha circunstancia "normal". Aínda que mesmo un dos afectados polas presións, Sergio Vázquez, relatou ante as cámaras o acontecido o propio PP de Ourense saíu ao paso da denuncia para afirmar que se trataba dunha "campaña de desprestixio" encamiñada a "tapar" a imputación do ex secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez.

Polo camiño quedan, polo tanto, os testemuños nos que os maiores sinalaban que as dúas sancionadas se ofreceran a proporcionar de balde os servizos de notarios "do partido" sempre e cando o voto fose para o PP xa que, en caso contrario, a xestión do sufraxio custaría 50 euros. As mesmas persoas explicaron, ademais, esta controvertida oferta incluída o ofrecemento de certificados médicos que xustificasen o estado de saúde dos anciáns para poder votar por correo.

Felisenda e Sergio, dous dos anciáns que explicaron as presións para votaren CC-BY-SA Eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.