A Xunta prevé converter de xeito progresivo o seu persoal laboral temporal en funcionarios interinos. Ata o de agora, nada impedía que, baixo unha ou outra figura, eses traballadores visen renovada de xeito periódico a súa relación laboral. Porén, o Goberno central prevé nos seus orzamentos agora en tramitación que “non poderá ser superior a tres anos” a duración dos novos nomeamentos de interinos que realicen as administracións. E un novo nomeamento é xusto o que prevé a norma galega para a transformación do persoal laboral en funcionarios interinos, que “suporá a novación da relación xurídica existente coa Administración”. Esa “novación”, segundo a norma estatal agora en tramitación, non poderá ser por máis de tres anos improrrogables, polo que o sindicato CSIF alerta de despedimentos masivos superado ese prazo. A limitación temporal de tres anos que propón o Goberno afectaría a todos os novos nomeamentos que realicen todas as administracións de España, pero tería un especial efecto no caso da Xunta porque esta é a que prevé por lei un gran volume de novos nomeamentos.
O Goberno galego prevé converter o seu persoal laboral temporal en funcionarios interinos, pero o CSIF alerta de que as contas do Goberno central agora en tramitación limitan a duración deses novos nomeamentos a un máximo de “tres anos”
A lei de acompañamento dos orzamentos autonómicos xa en vigor introduciu na lei de emprego público de Galicia unha disposición transitoria que establece, a medida que se aproben as relacións de postos de traballo dos distintos departamentos, “a transformación en postos de traballo de natureza funcionarial daqueles postos vacantes que viñan sendo desempeñados por persoal laboral temporal”. Segundo esa norma, a Xunta “expedirá un nomeamento de natureza funcionarial interina, no correspondente corpo ou escala de clasificación, ao persoal laboral temporal que [...] ocupe postos previstos como de natureza funcionarial nas relacións de postos de traballo”.
Ata o de agora, o CSIF vía nesa conversión do persoal laboral temporal en funcionarios interinos un intento por parte da Xunta de abaratar despedimentos, xa que as últimas sentenzas do Tribunal da UE recoñecen o dereito do persoal laboral temporal a recibir a mesma indemnización que o fixo, de 20 días por ano traballado, mentres que os funcionarios interinos carecen de ningunha indemnización cando quedan sen praza. Esa ameaza pairaba ata o de agora cuns prazos indefinidos sobre ese persoal laboral que se converterá en interino. Porén, o Goberno central quere pór un prazo fixo máximo de tres anos.
O proxecto de Presupostos do Estado que se tramita actualmente no Congreso contempla, no seu artigo 19.2, limitar entre outras cousas o “nomeamento de persoal estatutario temporal e de funcionarios interinos” establecendo que “a duración do nomeamento non poderá ser superior a tres anos, sen que poidan encadearse sucesivos contratos ou nomeamentos coa mesma persoa por un período superior a tres anos, circunstancia esta que haberá de quedar debidamente reflectida no nomeamento”. Isto é, os orzamentos do Estado obrigarían á Xunta a limitar a un máximo de tres anos eses novos nomeamentos que realice ao transformar os seu persoal laboral temporal en funcionario interino, xa que a lei autonómica deixa ben claro que esa transformación “suporá a novación da relación xurídica existente coa Administración”.
Segundo o CSIF, esta combinación de leis estatal e galega “afectará en Galicia, só na Administración Xeral da Xunta, a máis de 4.500 empregados públicos
Segundo o CSIF, esta combinación de leis estatal e galega “afectará en Galicia, só na Administración Xeral da Xunta, a máis de 4.500 empregados públicos, aos que haberá que sumar os interinos e temporais dos sectores de Educación, Sanidade, Xustiza, etc.”, que dentro de tres anos quedarían sen traballo. Para o sindicato, a norma estatal “non podería ter efectos sobre os contratos de interinos existentes na actualidade, dado que ditos contratos ou nomeamentos están realizados ao amparo da lei actual”. “Sen embargo, esta cláusula converte en máis perigosa se cabe a intención de interinizar o persoal laboral temporal” por parte da Xunta. Unha situación que aínda se podería evitar se o Congreso modifica durante a súa tramitación os orzamentos que lle remitiu o Goberno.