A concesionaria dos buses da Coruña bloquea no xulgado a baixada do prezo dos billetes

Autobús urbano da cidade da Coruña © Concello da Coruña

Pouco despois do mediodía deste mércores, o concelleiro de Mobilidade da Coruña, Daniel Díaz, anunciaba e detallaba a entrada en vigor o vindeiro venres 1 de febreiro da baixada en dez céntimos no billete do transporte urbano. Coas novas tarifas aprobadas polo goberno local, un viaxe pagado coa tarxeta bonobús pasa dos 85 céntimos aos 75, mentres que un ordinario queda en 1,20 euros fronte aos 1,30 actuais. Ademais, o bonobús social queda en 33 céntimos, o universitario en 30, mentres que se establece a gratuidade dos percorridos dos menores de 13 anos e dos transbordos en calquera liña. Tres horas máis tarde, a redución prevista quedou suspendida logo de que o Concello recibise unha providencia xudicial na que lle insta a "absterse de calquera intervención" nos prezos ata que que o xulgado resolva respecto das medidas cautelares solicitadas pola Compañía de Tranvías, empresa concesionaria que recorreu a redución no importe. 

A Compañía de Tranvías recorreu a baixada das tarifas, adiada agora por orde xudicial ata que o xulgado ditamine as medidas cautelares

No seu recurso, a Compañía de Tranvías solicitou (e conseguiu) a suspensión cautelar da baixada de tarifas acordada en xunta de goberno local en setembro e decembro pasado logo de que o Concello rexeitase as súas alegacións. Ademais, antes xa solicitara ante a Xunta revisar as tarifas, conxeladas desde 2015, para subir o prezo nove céntimos máis no billete ordinario, ata 1,39 euros. 

“O Concello non pode máis que seguir as indicacións que chegan desde o xulgado, que en todo caso non se refiren á legalidade dos acordos municipais sobre os cambios de tarifa nin sobre as medidas cautelares, senón que simplemente ordenan á administración agardar a que se pronuncie sobre a solicitude de suspensión formulada pola Compañía de Tranvías", asegura Díaz Grandío, que espera que o pronunciamento do xulgado se produza coa máxima celeridade para minimizar os posibles prexuízos ás e aos usuarios do transporte público, que non poderán beneficiarse desta redución de tarifas nos prazos previstos polo Concello”. 

A Compañía de Tranvías considera que o contrato de concesión asinado en 1986 establece unha revisión sempre cara arriba nas tarifas. O pasado ano, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) considerou que a concesión dos buses da Coruña debería axustarse á normativa europea e evitar que a a empresa se beneficiase de "ingresos e/ou vantaxes" que lle permiten exceder por moito as ganancias necesarias para cubrir os custos do servizo "máis uns beneficios razonables". Ademais, lembraba que o convenio de hai máis de 30 anos foi asinado sen concurso e debía ser revisado pola Comisión Europea por se a firma recibise "axudas de Estado ilegais". 

Competencia consideraba excesivos os beneficios da concesionaria do transporte urbano, cuxo convenio foi aprobado sen concurso hai máis de 30 anos

O litixio xudicial entre Concello e Tranvías non remata aquí, xa que ambas partes discuten sobre a data a partir da que debería contarse o período de 30 anos tras o que rematan as adxudicacións que non foron licitadas publicamente. O xulgado que leva o caso recorreu ao Tribunal de Xustiza da UE para que determine se o contrato finalizou xa, como entende a administración local por mor do regulamento europeo de 2009, ou se habería que agardar a 2024, como se establece no convenio de 1986. 

A Compañía de Tranvías da Coruña obtivo no pasado ano 2017 4,3 millóns de beneficios, un chisco menos dos obtidos en 2016, exercicio récord, con 4,5. En ambos casos, o goberno local considera, como fai Competencia, excesivos esas ganancias para unha compañía que ofrece un servizo público e que pretende o incremento nas tarifas. O prezo do billete do bus coruñés supera a media estatal. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.