A crise en Ciudadanos non escampa. A asemblea extraordinaria convocada pola dirección estatal esta fin de semana en Galicia ratificou a José Canedo, ex aspirante por UPyD á Xunta, como novo cabeza de lista pola Coruña para o 26-X en substitución de Antonio Rodríguez, xa ex deputado e número un nas eleccións xerais de decembro. Fran Hervías, secretario de Organización, confirmou aos afiliados galegos a decisión que defende por realizarse ao abeiro dos estatutos da formación malia os duros reproches de varias agrupacións locais e as importantes críticas do afectado.
Cinco membros dos sete da dirección da Coruña, entre eles a coordinadora local, prevén dimitir este martes
As consecuencias vanse sucedendo. A coordinadora da agrupación de Ciudadanos na Coruña, Patricipa Pertierra, xa anunciou que dimitirá esta mesma tarde nunha xuntanza da xunta directiva da formación na cidade. Xunto a ela, agás sorpresa, marcharán catro responsables máis. Cinco dimisións de entre os sete membros da dirección local, que queda descabezada.
"Xa advertira que só había dúas opcións: ou a executiva estatal rectificaba ou eu non ía seguir", asegura a Praza Pertierra, que di sentirse "decepcionada" coa dirección estatal de Ciudadanos por "ter traizoado os principios do partido". "Non ten sentido seguir así e nun lugar onde nos sentimos desautorizados", insiste quen aclara que "seguro que dous" dos membros da directiva da Coruña continuarán no partido laranxa tras a xuntanza deste martes ás 20 horas. Un deles, Manuel Moinelo, vén de ser nomeado subdelegado territorial e coordinador provincial.
Pertierra di sentirse "decepcionada" con Ciudadanos por "ter traizoado os principios do partido"
Media hora despois, en Ames, o coordinador nesa localidade, Javier López, manterá unha xuntanza cos afiliados na localidade e, tamén agás sorpresa, anunciará que presentará a dimisión esta mesma semana. Hai un mes, e tamén por unha crise interna, a dirección en Vigo foi disolta ao perder máis da metade dos seus cargos para quedar en mans dunha xestora. Desde Cambre e Oleiros, localidades onde as agrupacións de Ciudadanos tamén amosaron publicamente a discrepancia coa decisión tomada desde Madrid, agardan acontecementos e confían en que se reconduza a situación.
Non parece doado. Antonio Rodríguez, afastado do número un da lista pola Coruña, denunciou mesmo coaccións e ameazas por parte da dirección estatal, que cambiou os contrasinais das redes sociais dalgúns coordinadores responsables da comunicación para que "non fixesen mal uso delas". Os críticos denuncian a "falta de respecto á democracia e ás primarias" e insisten no feito de que un partido que presume de participación e transparencia actúe deste xeito.
A dirección de Ciudadanos en Vigo foi disolta hai un mes e o coordinador en Ames prevé tamén abandonar o seu cargo
Desde a dirección estatal insisten en que o cambio baséase nunha posibilidade que permiten os estatutos e que foi aprobada polo 85% dos votos no consello xeral de Ciudadanos. E aclaran que Antonio Rodríguez "non cumpriu coas expectativas", nun argumento apoiado polo propio Albert Rivera, que continúa a comprobar o difícil da implantación do seu partido en Galicia, onde tanto el como o ex candidato agora relegado crearan polémica durante a anterior campaña ao aclarar que a formación non tiña propostas específicas para o país.