Unha "planificación" para abandonar o BNG de forma "escalonada". É a estratexia que a secretaria de organización do BNG, Montse Prado, asegura que se está a desenvolver no seo da formación frontista nas últimas semanas. Despois de que en días pasados a asemblea nacionalista de Antas de Ulla anunciase a súa "disolución" e os catro concelleiros elixidos polo Bloque en Ames decidisen tamén pedir a baixa xunto a unha corentena de militantes, a dixirente non cre nas casualidades. "Hai persoas que tomaron a decisión de abandonar o BNG e isto pódese facer de dous xeitos: comunicar cantas persoas e abandonalo, ou pódese optar" por "ir abandonando cada día, para magnificar".
"O que podía ser noticia dun par de días convertémolo nun pinga a pinga"
Durante a presentación dunha campaña contra a reforma laboral, Prado considerou "evidente" que hai militantes que están "a optar por esta segunda vía, e o que podía ser unha noticia dun par de días, convertémolo nun pinga a pinga". "Haberá que preguntarse a quen favorece ese intento de transmisión" dunha situación "tremenda" que, afirma, non se corresponde coa realidade. Neste escenario, sinala que, por exemplo, malia á marcha do colectivo Ames Novo, "na asemblea local de Ames a maioría das persoas seguen a ser militantes".
Fronte ás acusacións de "exclusión de ideas" que chegan precisamente dende os xa ex militantes amienses, Prado salienta que o BNG "está traballando pola unidade do nacionalismo" para que o conxunto da súa militancia "confíe" e estea "disposta a traballar". A dirección nacionalista, subliña, "segue a traballar para que todo o mundo caiba", se ben quen "non se sinta cómodo" e conclúa "que o seu proxecto non é o BNG", debe ter en conta que "o BNG ten que clarificar a súa posición, traballar nas liñas acordadas e os demais compañeiros, tomar a súa decisión". En calquer caso, para a secretaria de organización do Bloque é "evidente" que "todas as ideas caben". Así "foi no pasado e vaino seguir a ser no futuro".