A dirección do PPdeG renunciou de vez en 2013 á operación para destronar a familia Baltar que tentara tres anos antes con resultado de fracaso. Tamén o fixo neste 2016, cando José Manuel Baltar recuncou como presidente do PP de Ourense co 95% unha semana antes de ter que declarar como investigado ante a xuíza que lle imputa supostos delitos de suborno e tráfico de influencias polo presunto ofrecemento de traballo na Deputación ourensá a cambio de sexo cando a institución aínda era presidida polo seu pai, agora tamén investigado na causa. Co pano de fondo da imputación do patriarca da saga baltarista o novo 'número dous' de Alberto Núñez Feijóo, Miguel Tellado, xuntouse este mércores coa cúpula do PP ourensán para aguilloar a súa esencial contribución en votos cara ás eleccións xerais e, por extensión, tamén cara ás galegas. Ese, afirma, é o "traballo" que os de Baltar mellor fan.
O PPdeG reitera que non irá "un paso por diante nin por tras" das decisións xudiciais
Tras saír á luz que José Luis Baltar terá que comparecer ante a xuíza Eva Armesto dous días antes do inicio da campaña do 26-X o argumentario do PP galego optou polo perfil baixo, evitando a confrontación con quen lidera o fundamental celeiro de votos da provincia interior do país. O propio Tellado e outros cargos como o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, repetiron case literalmente a mesma resposta ao seren cuestionados polo novo xiro do caso e o seu afastamento, un chisco máis, da esfera "persoal" na que José Manuel Baltar a veu situando: o PP "respecta" a Xustiza e non irá "un paso por diante nin un paso por tras" das decisións dos tribunais.
Con esta posición fixada chegou Tellado a Ourense. O novo secretario xeral do partido de Feijóo manifestoulle á Xunta Directiva provincial, con Baltar á fronte, que "o PP de Galicia ten nos populares ourensáns un dos seus piares fundamentais". Así o demostraron nas eleccións do 20-D, "demostrando como se traballa unha campaña en temos difíciles" e rozando o 45% dos votos. Por iso a dirección galega "só" lle pide á ourensá "un pouco máis dese traballo que tan ben sabe facer, co obxectivo de subir aínda máis a porcentaxe de voto na provincia", a comezar por "recuperar os 15.000 votos que en Ourense se foron a Ciudadanos".
Tellado aguilloa a Baltar para que recupere "os 15.000 votos que en Ourense marcharon a Ciudadanos"
Na provincia con menor implantación de En Marea pero na que, non obstante, a coalición logrou un escano, Tellado bota man desta formación para cargar contra a de Rivera. Votar por Ciudadanos en Ourense supón "regalar" sufraxios "ao señor Beiras e ao señor Iglesias". E facelo polo PP, "restarlle un escano a esa minoría de bloqueo que son as mareas de Podemos", di. Pero Ourense, augura, será "unha provincia sabia" e saberá valorar "o traballo do Goberno de España a prol da estabilidade".
A arenga de Tellado foi recollida por Baltar lembrando, como xa fixera despois do 20-D, que en Ourense o partido saíu menos erosionado que no resto de Galicia e que en boa parte do Estado. "O PP de Ourense está activdado para acadar un novo triunfo e istuarse unha vez máis entre as primeiras provincias españolas", di, ante unhas eleccións que ve tamén como "preparación das eleccións autonómicas de outono". No que a el lle atinxe, asegura, traballará para presentar como "innegable" a recuperación económica e amosar "seriedade e moderación, afastada do radicalismo que vimos nestes catro meses".