A dirección do PSdeG pediralle a Ferraz "unha fórmula" para elixir líder en primarias

Besteiro intervén nun intre da Executiva, presidida por Pachi Vázquez CC-BY-NC-SA PSdeG

"É o que a maioría quere". "É un clamor". Son algunhas das expresións que se escoitan no entorno da dirección do PSdeG despois de que o seu secretario xeral, Pachi Vázquez, manifestase nunha entrevista na Cadena SER a súa aposta por que a persoa que lidere o partido a partir do próximo congreso extraordinario sexa elixida a través de eleccións primarias, isto é, co voto de toda a militancia. O secretario de organización dos socialistas galegos, Pablo García, ratificaba este martes tras a Executiva Nacional presidida polo propio Vázquez que a dirección da formación "ratifica que o proceso sexa mediante primarias" e así llo proporá ao Comité Nacional, máximo órgano entre congresos. Pero ese non será o último paso. Falta a dirección do PSOE.

Despois de que nos últimos tempos diversos dirixentes e colectivos internos reclamasen un congreso con primarias e tamén celeridade no conxunto da renovación -este mesmo luns, por exemplo, José Ramón Gómez Besteiro apostou por poñerlle fin ás "interinidades" canto antes- García explica que a actual Executiva asume a "demanda" da militancia e por iso, se finalmente o Comité Nacional -que se adía ao 2 de marzo- decide ir ás primarias, pediralle a Ferraz a habilitación "dunha fórmula para que isto poida ser así".

Os estatutos do PSOE non permiten o sistema de primarias para a secretaría xeral e non se renovarán ata outubro

Isto sucede porque os estatutos federais do PSOE establecen que a renovación da secretaría xeral se realice polo sistema de delegados, como viña sucedendo ata agora, e esta normativa interna non se modificará ata outubro, cando a organización que dirixe Alfredo Pérez Rubalcaba celebrará unha conferencia política. Aínda así, aínda que finalmente a modificación se produza, agardar polo cambio suporía que o Congreso Nacional do PSdeG se celebrase, como moi cedo, a finais deste ano ou mesmo en 2014, algo que rexeitan frontalmente os sectores críticos que o equipo de Pachi Vázquez asegura non procurar.

Neste contexto García asegura, non obstante, que a reclamación ante a cúpula do PSOE non se realizará en termos de "desafío", senón expoñendo a "opinión" que emane do devandito Comité Nacional. Nesa xuntanza do 2 de marzo non só se decidirá definitivaente se o PSdeG pula ou non por renovarse en primarias, senón tamén o calendario completo do "proceso interno". Así as cousas, cabe agardar que sexa a partir desa xornada cando as persoas que aspiren á dirección comecen a mover pezas máis abertamente.

Pachi Vázquez, nunha comparecencia ante a prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.