Unha moción de censura proposta polo único concelleiro socialista en Coristanco abriu novas fendas no PSdeG. A última hora deste xoves, a executiva do PSOE provincial reuníase para avaliar a situación e, finalmente, vetar a iniciativa. Fréase finalmente a intención do edil, Abraham Gerpe, de se converter en alcalde co apoio pactado do PP e co suposto aval da agrupación local. Deste xeito, a dirección na provincia corrixe o secretario xeral na Coruña, Julio Sacristán, que dera o visto e prace á operación.
Nun comunicado, a dirección provincial instou a "retirar" a devandita moción e aclárase que xa houbo contactos entre o alcalde da localidade e a agrupación local do PSdeG para intentar arranxar "unha situación complicada".
O secretario xeral provincial, Julio Sacristán, apoiara a moción e criticara a Leiceaga por censurala
Sacristán fora en contra da opinión dos actual voceiro parlamentario do PSdeG e aspirante á secretaría xeral, Xoaquín Fernández Leiceaga. Sacristán acusárao de falar "gratuitamente" e con "descoñecemento" sobre a moción, mentres que Gerpe compartía as críticas para asegurar na Radio Galega que o voceiro "non sabe colocar Coristanco no mapa" e criticar que ninguén do partido se puxera en contacto con el.
Pero as críticas que xurdiron de Leiceaga non foron as únicas. Os outros dous aspirantes a liderar o PSdeG tamén amosaron os seus reparos a unha moción que suporía gobernar grazas ao apoio dos seis concelleiros do PP na localidade. Juan Díaz Villoslada asegurou que a operación non era "coherente coa liña do partido a nivel federal e en Galicia" a pesar de destacar a "autonomía local", mentres que Gonzalo Caballero insistiu en que os populares son o rival político e "non procede a conivencia con forzas conservadoras". A presidenta da xestora prevía, tamén, que a executiva provincial non daría o visto e prace á mudanza en Coristanco. O seu rexeitamento foi clave para desatascar a situación.
Ás críticas de Leiceaga uníronse tamén a dos outros dous aspirantes a liderar o PSdeG, Villoslada e Gonzalo Caballero
Coristanco está gobernado na actualidade por unha colición entre Terra Galega (TeGA) e o único concelleiro do BNG. O alcalde, Amancio Lavandeira, foi acusado por socialistas e populares de perder 1,3 millóns en subvencións pola súa mala xestión. Así, Abraham Gerpe, único edil socialista, decidiu promover unha moción de censura alegando a necesidade de "desbloquear asuntos de interese para o municipio".
No entanto, desde a agrupación local socialista de Coristanco asegúrase que non houbo un apoio maioritario á presentación da moción, senón que a división era clara. Si recoñecen que houbo conversas co PP e que desde a dirección provincial deuse o visto e prace á operación.
Desde o PP local, e ante as dúbidas tamén da dirección provincial, expuxeron os "motivos excepcionais" como argumentos para apoiar a moción de censura. Logo dunha reunión do portavoz e ex-alcalde, Antonio Pensado, co líder popular na provincia, Diego Calvo, a formación analizará as xustificacións para tomar unha decisión nos vindeiros días.
O aínda alcalde de Coristanco, Amancio Lavandeira, amosouse sorprendido polo pouco natural do pacto entre PSOE e PP. Sexa como for, o pleno queda convocado automaticamente para o décimo día despois da presentación da moción, que tivo lugar o pasado día 8. Debera ser nesa xornada cando se determine un apoio que só podería ser vetado pola dirección do PSdeG pero que está máis que amarrado entre populares e socialistas na localidade da Costa da Morte.