A entrevista ao rei que non foi entrevista

Un momento da entrevista do rei Dominio Público Praza Pública

Nin Urdangarin, nin a cacería en Botsuana... A suposta entrevista que TVE emitiu o pasado venres ao rei Juan Carlos non contiña ningunha pregunta sobre temas que puidesen comprometer a monarquía e o seu estado actual e converteuse nunha peza máis da operación Zarzuela que comezou hai uns meses coa intención de mellorar a imaxe do monarca.

Jesús Hermida e o rei falaron durante uns quince minutos de xeneralidades

O xornalista Jesús Hermida, encargado de levar a entrevista, e o monarca falaron durante pouco máis de quince minutos de xeneralidades. Entre outras cousas, Hermida preguntoulle ao rei como sentía, como definiría "o seu onte, o seu hoxe e o seu mañá", que retrato faría da súa xeración, cal é "a satisfacción" e "a insatisfacción", de que sente máis orgulloso...

Sen citalo, censurou o proceso soberanista de Cataluña por basearse en "políticas rupturistas"

O rei descartou á súa maneira que vaia a abdicar ao afirmar nada máis comezar a entrevista que se atopa "en boa forma, con enerxía e con ilusión para seguir adiante". Do mesmo xeito que na mensaxe de noiteboa, Juan Carlos mostrouse preocupado polo paro e "polas intransixencias que levan maximalismos" e "políticas rupturistas", e considerou que "queda camiño por percorrer" na igualdade dos españois e en "a vertebración do Estado". "Creo que nestes momentos a España cómprelle unidade e que esteamos todos unidos a un futuro e a unha idea", destacou.

Do mesmo xeito, volveu a lembrar que lle doe moitísimo" que "os mozos teñan que saír fóra de España a buscar traballo". Malia todo, destacou en varias ocasións o consenso da Transición e rematou a entrevista cun: "Xuntos podemos". "O que hai que recuperar do todo é a esperanza e a confianza en nós mesmos e, sobre todo, a confianza en España", dixo.

Sobreas persoas da súa época -este sábado cumpre 75 anos- asegurou que a súa xeración é a da "liberdade". "Sufriu moito, tivo que facer un gran esforzo, traballou moito para conseguir o que conseguimos", afirmou. Sobre o seu papel na Historia, don Juan Carlos indicou que non lle gusta falar de si mesmo, aínda que si apuntou que lle gustaría que o lembrasen "como o rei que uniu a todos os españois e que con eles conseguiu recuperar a democracia e a monarquía".

Ao rei gustaríalle que o lembrasen "como o rei que uniu a todos os españois e que con eles consegui recuperar a democracia"

Aínda que a última macroenquisa do diarioEl Mundo demostrou que o apoio do rei caera en picado no último ano, o monarca mostrouse agradecido: "Agradezo sobre todo o apoio que tiven durante tantos anos dos españois, que me seguiron para facer o que fixemos e onde chegamos".

Sobre o seu fillo, o rei subliñou que os españois poden ter "confianza" e "seguridade", porque é o príncipe de Asturias "mellor preparado" da historia de España. Tamén dixo que é "unha bendición do ceo e unha persoa encantadora, dunha gran honestidade intelectual, moi preparado, moi traballador, moi leal"

Tamén houbo mención a seu pai, de quen dixo que era un  "gran amigo e conselleiro, leal a España", ao que sempre estivo "moi unido" e ante cuxo falecemento non puido reprimir "lagrimóns de verdade". Segundo Juan Carlos, seu pai, conde de Barcelona, díxolle no seu momento: "Tes que acordarte de ser Rei de todos os españois. Temos que ser reis de todos os españois porque é a única forma de facer que España salga adiante e podamos traballar no futuro".

A noite do venres tamén foi a primeira vez que Julio Somoano, director dos servizos informativos de RTVE, apareceu en pantalla. Daba paso á entrevista dicindo que pasaría a formar parte "da historia de España".

Un momento da entrevista do rei Dominio Público Praza Pública
Nube de palabras co máis repetido durante a entrevista Dominio Público @RafaCereceda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.