A exitosa marcha da 'Nación Galega' pon o primeiro "chanzo" para unha lista unitaria

A Praza da Quintana, durante a manifestación da 'Nación Galega' CC-BY-NC-SA GZFoto

A manifestación unitaria polo Día Nacional de Galicia cumpriu -e mesmo superou- as expectativas. Milleiros de persoas ateigaron as rúas de Compostela nunha marcha polo 25 de Xullo non convocada por partidos por primeira vez en moitos anos. De base cidadá pero apoiada por numerosas formacións políticas, a mobilización superou amplamente en número á suma das diferentes convocatorias que se levaban a cabo polo Día da Patria en Compostela. E tivo como música de fondo a confluencia das forzas nacionalistas, galeguistas e rupturistas nunha única candidatura de cara ás vindeiras eleccións xerais. Todas as participantes recoñeceron o "paso importante" que para esa unidade supuxo esta histórica mobilización. 

A marcha superou en asistencia á suma das diferentes convocatorias doutros anos nun ambiente festivo e reivindicativo

Coa cabeceira da marcha d'A Nación Galega xa na praza da Quintana, milleiros seguían percorrendo as rúas de Compostela desde a Alameda, punto de inicio dunha manifestación na que destacou tamén a escasa presenza de simboloxía partidaria e o seu ambiente festivo e reivindicativo. En declaracións aos medios, Suso de Toro, un dos promotores do manifestou que impulsou a mobilización, cualificou de "éxito" a convocatoria e asegurou que espera que "os partidos dean un paso adiante e falen" para seren "capaces de abordar unha candidatura de confluencia de cara ás xerais". 

Suso de Toro espera que "os partidos dean un paso adiante" e sexan "capaces de abordar unha candidatura de confluencia"

Xa na Quintana, a lectura do manifesto da convocatorio foi partillado por varios cidadáns e promotores da manifestación (Federico Pérez Rei, Alba Cuba, Miguel Pernas, César Goldi e Patricia de Lorenzo). Nel, reivindicouse que "patria e nación é defender todo o que é público contra as privatizacións que son puro espolio do que é de todos". "E reclamamos para a nación a toda esa mocidade exiliada, mozos e mozas a quen se lles nega o dereito a vivir na súa terra. Unha terra que ten recursos abondos e capacidades para alimentalos e permitirlles unha vida digna e que non pode facelo por un sometemento a intereses alleos e contrarios aos nosos", díxose. 

"As persoas que estamos aquí a celebrar o Día da Patria Galega, e moitos outros concidadáns e concidadás polo país adiante, estamos unidas na resistencia, na insistencia e na teimosía", leron os encargados do manifesto, que advertiron que os alí presentes non renuncian "a nada do que nos aprenderon a amar os nosos maiores". "Non renunciamos ao soño dun país libre de persoas libres. Como Castelao no seu exilio americano presidindo un goberno sen poderes e, así e todo, encarnando a resistencia, así somos nós: non renunciamos á nación galega", aseguraron, antes de rematar co poema Pola unión, de Curros Enríquez. "Na unión dos bos galegos está da patria o porvir", acabou o discurso que volveu deixar claras as alusións á unidade e á confluencia antes da interpretación masiva do himno. 

Coa lectura do poema de Curros, Pola unión, rematou o manifesto dunha marcha na que se chamou á unidade

Apoiada, con máis ou menos énfase, por todas as forzas políticas nacionalistas, galeguistas e por Esquerda Unida, na marcha púidose ver o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence; o líder de Anova, Xosé Manuel Beiras; a coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz; ou o secretario xeral de CxG, Xoán Bascuas, así como dirixentes de Cerna. Tamén acudiron á marcha o secretario nacional da CIG, Suso Seixo, ou o líder de CCOO-Galicia, Sánchez Aguión, entre outros. Segundo os cálculos dos convocantes, entre 25.000 e 30.000 persoas terían secundado a marcha en Compostela. "A metade dos manifestantes non puideron entrar na Quintana", aclararon. 

Beiras, Vence, Yolanda Díaz e Bascuas coinciden en que a marcha é "un primeiro paso" para unha candidatura unitaria de cara ás xerais

 

A manifestación, un "cambio histórico"

Todas as voces coincidiron en que a manifestación supón xa un cambio e un primeiro paso de cara á unión política nunha candidatura de confluencia galega que xunte o nacionalismo, o galeguismo e forzas rupturistas. Así, Beiras cualifica de "cambio histórico" o feito de que o chamamento "fose feito por promotores en nome da sociedade civil e non no de ningún partido" e cre que este será o impulso para lograr "que Galiza estea presente como suxeito político e como nación" no Congreso dos Deputados. 

Ademais, Xavier Vence falou de "primeiro paso para que Galiza logre un maior peso". "É un chanzo para unir, xuntar moita cidadanía e todas aquelas forzas políticas que queiran unirse para ter unha voz propia potente en todos os foros e, en particular, no Congreso". Yolanda Díaz, pola súa banda, asegura que EU quere "que nas xerais haxa unidade desde un programa de ruptura". "Somos os primeiros que lanzamos a proposta da Marea Galega e imos traballar ata o minuto menos un para que se conforme", engadiu, nun discurso semellante ao do secretario xeral de CxG, Xoán Bascuas. Quen non estivo presente foi Breogán Riobóo, líder de Podemos en Galicia, formación que non apoiou publicamente a marcha unitaria malia que algúns dos seus simpatizantes si a secundaron. 

Antes, á espera de que todos os manifestantes chegasen á praza, Xurxo Souto dirixiu o acto no que actuaron promesas da música galega e no que os asistentes interpretaron pezas tradicionais como O Carro. Antes da lectura do manifesto, o artista coruñés agradeceu a asisencia malia que "os medios de comunicación ao servizo do poder non axudaron, non cubriron o noso chamado e só destacaron os problemas". "Que rabeen que a pesar deles estamos aquí", dixo, tras dar as "grazas" ás organizacións que apoiaron a convocatoria. "Todas facemos falta", engadiu.

Ademais, a comisión organizadora deste 25 de Xullo parabenizouse pola xornada e agredeceu "o apoio das organizacións políticas, sindicais e sociais que animaron aos seus afiliados a asistir a este acto e ofreceron a súa xenerosa colaboración". "Foi o día histórico e simbólico que buscabamos nós, e como sospeitabamos, moitísima máis xente", remataron. 

A Quintana, desde o palco Dominio Público @pilaraymara
A Praza da Quintana, durante a manifestación CC-BY-NC-SA GZFoto
Cabeceira da manifestación CC-BY-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.