A factura dos edís non electos de Santiago: 11.000 euros en insignias e medallas

Tomas de posesión de Conde Roa, Currás e Hernández CC-BY-SA Praza Pública

Na primavera e o verán de 2014 a crise institucional do Concello de Santiago que comezara en 2012 coa dimisión de Gerardo Conde Roa tocou teito coa inhabilitación por prevaricación de máis da metade do Goberno local. A vaga expansiva da operación Pokémon provocou imaxes inéditas na cidade como a celebración dun pleno coa bancada do goberno baleira por non haber ninguén que sentase nela, a designación de tres alcaldes en tres anos ou a conformación dun goberno formado maioritariamente por persoas non electas e dirixidas por quen ocupara o último posto da lista electoral, Agustín Hernández. A saída en masa de quen obtivera a maioría absoluta e a incorporación, tamén masiva, de novos edís pasoulle unha evidente factura política ao consistorio da capital pero outra puramente económica, concretamente de máis de 11.000 euros.

O 15 de xullo do pasado ano, unha semana máis tarde da toma de posesión de Hernández e do nos novos nove edís, o novo concelleiro de Facenda, Ramón Quiroga, deulle o visto e prace a varios contratos menores que o consistorio tiña pendentes. A través dese decreto o Concello dáballe luz verde ao pagamento de varios espectáculos das Festas do Apóstolo ou pequenas reparacións e, tamén, a achega de 11.200 euros euros cos que o servizo de protocolo lle fixo fronte á factura dunha xoiaría da cidade pola "compra de 10 medallóns e 10 insignias para concelleiros da Excelentísima Corporación Municipal de Santiago de Compostela".

O pagamento aprobouse unha semana despois da incorporación dos edís non electos á corporación

Estes medallóns e insignias son os que cada membros da corporación recibe ao tomar posesión do seu cargo e que adoitan ser empregados en actos oficiais e protocolarios. Fontes municipais compostelás consultadas por este diario indican que, durante anos, a práctica habitual veu sendo que cada concelleira ou concelleiro "sempre" quedase coa insignia ao abandonar o Concello, toda vez que inclúen o nome da persoa que a recibe. Pola contra, aseguran integrantes da corporación santiaguesa na actualidade e tamén no pasado, os medallóns eran devoltos ao abandonar o cargo de edil. Así as cousas, indican as mesmas fontes, a práctica instaurada polo goberno do PP foi a que provocou que a inédita incorporación masiva de novos edís a metade de mandato provocase o desembolso para as insignias e tamén para as medallas.

"Unha mostra máis do esperpento"

Cela (BNG): "As medallas protocolarias sempre deberían ser propiedade da institución e acordes á situación económica"

Aínda que os fondos destinados a esta compra teñan escaso peso no conxunto do orzamento do Concello dende a oposición municipal este episodio é lido como "unha mostra máis do esperpento e a vergoña" vividos en Compostela. "A xestión ao longo destes anos amosa que o PP foi o partido que máis dano lle fixo a Santiago na etapa democrática", di o voceiro municipal do BNG, Rubén Cela, ao ser preguntado ao respecto. "Despois do dano que provocaron coa súa xestión diaria da institución, ademais hai que pagar máis de 11.000 euros do peto da veciñanza en insignias e medallas para concelleiros que, maioritariamente, non pasadon polo aval democrático das urnas", destaca.

A xuízo de Cela nunha "situación socioeconómica como a actual" este "debera ser un dos aspectos a revisar", a comezar polo feito de que "as medallas protocolarias sempre deberan ser propiedade da institución", do Concello, como acontecía no pasado. As medallas, indica, "deberíanse devolver" e, no caso das insignias, "terían que ser acordes ao contexto actual", sen necesidade de seren unha peza de xoiaría. Casos coma este, conclúen, amosan tamńe que "o mundo non comezou o día que tomou posesión Agustín Hernández", senón que o actual rexedor "terá que ser avaliado polos 4 anos do PP".

O pago das medallas, na relación de contratos aprobados en xullo de 2014 (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.