A oposición en pleno rexeita ser "cómplice" do recorte ao Parlamento

Votación nun pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

O PP avanza en solitario cara á súa reforma electoral, o paquete de modificacións da Lei de Eleccións no que prevé incluír a redución do Parlamento de 75 a 61 escanos. A falta de proposta formal, o partido que sustenta o goberno aférrase, polo momento, a un único documento: a carta que o seu voceiro, Pedro Puy, lles remitiu aos demais grupos emprazándoos a unha xuntanza para falar do tema. O parlamentario asegura que, polo momento, aínda non se lle esgotou o "ben escaso" que é a paciencia, e por iso aínda agarda que PSdeG, AGE e BNG teñan un xesto "educado" e lle contesten por escrito. Con resposta ou sen ela, as tres forzas opositoras xa avanzan, cada unha dende a súa óptica, que o partido da dereita non terá compaña nesta travesía.

No caso de que esa reunión se chegue a convocar formalmente o que xa é seguro é que nela non estarán todos os grupos. O voceiro do BNG, Francisco Jorquera, ten claro que "nós non imos asistir a esa reunión" porque "non imos manter ningunha negociación" na que  PP "establece condicións a priori". É unha "reforma trampa", di o nacionalista, na que "o único argumento", a "presunta medida de aforro", é un exercicio de "demagoxia". Se queren aforrar, subliña, "que apoien a supresión das deputacións, que supriman ministerios onde as competencias están transferidas, que supriman a administración periférica do Estado, o Senado" e, "de paso, a Casa Real". "Pero que non veñan con medidas para desvirtuar a democracia presentándoas como medidas de aforro".

Jorquera avanza que o BNG non asistirá á reunión: "Se queren aforrar, que supriman as deputacións"

Quen si asistirá a ese encontro, aínda que só "para dicir a nosa posición", é AGE, que irá "se algún dos outros dous grupos da oposición" tamén o fai, explica Xosé Manuel Beiras, quen advirte, non obstante, de que "non estamos dispostos a ser títeres" para "crear un debate que opaque que estse Parlamento non está respondendo ás necesidades da cidadanía que o elixiu". Por iso, se tras esa primeira toma de contacto o PP "segue adiante, nós faremos o boicot como grupo parlamentario; que o fagan eles sós". Trátase, subliña Beiras, de que "quere clarísimo que é unha decisión unilateral" baseada "nun principio perverso".

O PP tampouco atopará complicidades na bancada socialista, cuxo voceiro, Abel Losada, ironiza coas "cartas aos reis" que el mesmo escribía "de neno". "Nunca me contestaron e un bo día decateime de que era unha tomadura de pelo", ilustra, para preguntarse "a que" esperan resposta os conservadores. "Ás propostas que se filtran sistematicamente aos medios? Porque é o único que temos", salienta, antes de advertir de  que o PSdeG tampouco vai ser "cómplice da cortina de fume" que, ao seu xuízo, preparan os de Feijóo para "agochar as vergoñas deste goberno e do seu presidente".

Os soldos dos deputados e deputadas

Losada: "Non é un tema de salarios; este PP é o mesmo que gastou 40 millóns en propaganda"

Ademais de no rexeitamento global á reforma, os tres grupos da oposición coinciden tamén á hora de avaliar o aforro como raźon fundamental da mesma. "O PP que quere reducir o número de deputados e di que cobramos moito é o mesmo que lles daba sobres 'B' aos seus deputados porque cobraban pouco". "Xa na anterior lexislatura dixemos que estábamos dispostos a reducir o salario na mesma medida, pero sen reducir deputados". Pero este "non é un tema de salarios", senón "un tema interesado, de menoscabar a representatividade democrática do país" por parte "deste PP, que é o que gastou 40 millóns en publicidade e propaganda na anterior lexislatura".

Tampouco Beiras está polo labor de exercer como "unha especie de cristianos que piden voluntariamente que os boten ás feras", centrando o debate na remuneración dos parlamentarios. O seu grupo, di, está disposto a impulsar unha redución salarial pero non "en solitario para facerlles o xogo aos que non están dispostos a dar nin un paso" nesa dirección. Se o PP quere "dar exemplo" de aforro "podían aplicar a doutrina De Cospedal e non cobrar" como deputadas e deputados, "así xa resolvíamos o problema". Pero "é característica do PP aprobar cousas que eles non se aplican pero que queren aplicarlles aos demais". "Non din que non queren cobrar? Que non o fagan", di o líder da AGE. 

Beiras: "Pensar que con tirar para abaixo dos que están menso mal ca os outros resolve o problema é unha estafa, a doutrina da esquerda non é que sexamos pobres todos"

"Eu non asumo esa doutrina" porque "teño dereito a cobrar polo meu traballo, como calquera, e non teño por que poñerme como chivo expiatorio", exclama Beiras, igual que non teñen que facelo os traballadores públicos aos que se lles recorta o salario ou "os nenos que non comen tres veces ao día". "Pensar que con tirar para abaixo dos que están menos mal ca os outros se resolve o problema é unha estafa e eu sempre me rebelarei", abonda, toda vez que "a doutrina da esquerda non é que sexamos pobres todos, senón que os que son pobres, deixen de selo". Pero o PP, censura, "está intoxicando a cidadanía" sinalando supostos "privilexiados", para que así "vexan o inimigo nos que están menos mal". "Eu nese xogo non entrei nunca, o que hai que facer é sinalar o inimigo, que é o qeu fai o agosto con isto", conclúe.

Votación nun pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.