A oposición galega, de novo ante o "fume" do recorte ao Parlamento

Bancadas da oposición, nun pleno do Parlamento CC-BY-NC-SA AGE

Obvialo ou censuralo? É a disxuntiva na que se atopan os tres grupos da oposición galega ante a resurrección da iniciativa do PP para reducir o número de escanos do Parlamento de Galicia, desta volta incluída nunha reforma da Lei de Eleccións que, segundo avanzan os conservadores, tamén incluiría modificacións sobre, por exemplo, os requisitos "éticos" para obter a condición de deputado ou deputada. PSdeG, AGE e BNG víronse nos últimos tres días a tomar posición sobre a proposta do grupo que sustenta ao Goberno, polo momento apoiada unicamente en declaracións e non en documentos, e os tres coinciden en observar nela un intento de tender "unha cortina de fume" sobre a polémica creada polas fotografías do presidente da Xunta co narcotraficante Marcial Dorado publicadas en El País.

"O PP é un experto prestidixitador coa colaboración inestimable dalgúns medios de comunicación", sinalaba este luns o voceiro parlamentario dos socialistas, Abel Losada, a preguntas de Praza Pública. Para Losada este "ataque brutal á representación parlamentaria" ten "dúas cuestións relevantes", unha "curtopracista" e outra "de fondo" e "ideolóxica". A curto prazo os populares procuran, a xuízo do PSdeG, "conformar" a devandita "cortina de fume" como antes fixeron "cos barcos de Pemex" para "evitar que se siga falando dunhas fotos impropias, inmorais e indecentes" con Dorado.

Losada: "Só falta que despois tampouco nos paguen e así pasaremos ao goberno das elites"

A "cuestión de fondo", afirma Losada, non é outra que "limitar o poder lexislativo", un poder que "nunca lles gustou ás forzas conservadoras" dende o século XVIII polo seu "papel de control". "Só falta que, despois, tampouco nos paguen" e así "pasaremos ao goberno das elites", que é "onde queren volver" os populares". Para o socialista o partido da gaivota persegue, en última instancia, que o control político estea nas mans das "familias prominentes das que falaba o señor Fraga, que se podían dedicar á política porque historicamente entenderon que o poder era deles", afirma.

Beiras: "É unha cortina de fume e fariña para distraer a cidadanía menos informada"

Unha cortina, de "fume" e tamén de "fariña" no sentido "metafórico", é a que tamén observa o voceiro da AGE, Xosé Manuel Beiras. Nunha entrevista na Cadena SER Beiras considerou que os de Feijóo procuran, "coa historia de de que hai que aforrar cartos", "desviar a atención da cidadanía menos informada" cando "os cartos que hai que aforrar son outros, para comezar, saber que pasa co recadado fraudulentamente polo PP durante todos estes decenios". Na cuestión puramente parlamentaria o líder de Alternativa observa un intento de "operación fraudulenta" coa reforma da lei electoral. Os populares, asegura, "saben que están en descenso" e procuran "poder manterse". "Se tivesen un pouco de decencia -agrega- terían que dimitir".

Jorquera: "Se quixesen aforrar, suprimirían as deputacións"

Tamén o BNG ve o affaire de Marcial Dorado por tras da iniciativa. O seu voceiro parlamentario, Francisco Jorquera, non dubida de que o PP está a tentar "agochar a relación de Feijóo co narcotraficante" e, de paso, "incrementar a distorsión entre o que votan os cidadáns e o seu reflexo no Parlamento", para así garantir que o PP "continúe mantendo a súa maioría na Cámara". O parlamentario nacionalista non cre que a base da reforma sexa o aforro, xa que, "se o PP quixese reducir gastos suprimiría as deputacións, como pediu o BNG no último pleno".

Bancadas da oposición, nun pleno do Parlamento CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.