"Xuntar esforzos, coordenarse e cooperar na difusión de iniciativas encamiñadas a situar a Galiza no seu espazo natural lingüístico-cultural, a Lusofonía". Eses son os obxectivos que se marca a Rede de GaliLusofonía, constituída este pasado venres 12 de outubro en Pontevedra, no marco do Foro da Maré-Cantos na Maré, e formada por varias entidades galegas e portuguesas.
A Rede nace co obxectivo de "xuntar esforzos, coordenarse e cooperar na difusión de iniciativas encamiñadas a situar a Galiza no seu espazo natural lingüístico-cultural, a Lusofonía"
A Mesa pola Normalización Lingüística, a Academia Galega da Língua Portuguesa, AGAL-Associaçom Galega da Língua, AJA Galiza-Núcleo da Associaçom Jose Afonso na Galiza, aRi[t]mar galiza e portugal, Castro Galaico Festival de Nogueiró (Portugal), Convergências Portugal Galiza, SCD Condado (Festival da Poesia), Fundación Via Galego, Ponte a Portu-Gal-Concello de Ponteareas, Ponte nas Ondas e o festival Traz outro amigo também constituíron esta Rede centrada no impulso da lusofonía, da que destacan o seu "gran potencial noutros campos como o económico e o institucional".
"Facémonos eco dunha demanda nacida na sociedade civil que logrou, a través dunha iniciativa lexislativa popular, que o Parlamento Galego aprobase en 2014 a coñecida como Lei Paz-Andrade 'para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa Lusofonía”, di a Rede de GaliLusofonía, que urxe ao seu "cumprimento", tal e como reiterou esta mesma semana a Cámara nunha resolución que insta o goberno galego ao seu decidido desenvolvemento.
A Rede da Galilusofonía urxe ao "cumprimento" da Lei Paz-Andrade
"As dúas iniciativas parlamentares foron aprobadas por unanimidade, o cal demostra o consenso político e a madurez social para avanzar nun horizonte de futuro para a nosa lingua común", destaca a Rede, que di compartir o desexo manifestado polo Parlamento de "incorporar a Galiza á Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) á cal pode aderir por orixe histórica e vontade popular e política".
A Rede recentemente creada manifesta tamén o seu "interese" de integrar nela todas as entidades que "se identificaren con estes obxectivos en calquera dos países de lingua oficial portuguesa". Ademais, anunciou que celebrará proximamente un novo encontro na cidade de Braga, "capital histórica da Gallaecia", para desenvolver os seus obxectivos e definir a súa estrutura organizativa.