A sombra da corrupción en Galicia non cesa. Co levantamento do segredo do sumario de boa parte da operación Pokemon de plena actualidade, unha nova operación policial relacionada tamén con concesións públicas, desta vez dirixida por un xulgado de Vigo, provocou a detención de cando menos cinco persoas, entre elas a dun concelleiro. As dilixencias abertas mantéñense por supostos delitos de prevaricación, suborno e tráfico de influencias.
A operación Patos levou ao rexistro en seis concellos, a Deputación de Pontevedra ou a delegación da Xunta en Vigo
A operación Patos, que así se chama, afecta aos concellos de Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Ponteares, Nigrán e Ourense, en cuxas dependencias municipais se levaron a cabo rexistros, así como á Deputación de Pontevedra, a delegación da Xunta en Vigo e o Consorcio do Casco Vello e a Autoridade Portuaria da mesma cidade. Ademais, a policía detivo catro persoas vinculadas a empresas relacionadas con Cespa e o concelleiro de Obras de Nigrán, José Álvarez Valverde.
En total, 17 rexistros, tanto en vivendas particulares como en institucións oficiais e empresas, ademais dunha serie de detencións que poderían ampliarse nas vindeiras horas, segundo aseguran as forzas de seguridade. Entre as firmas rexistradas, Cespa, Eiriña, Enalvi e Intermediación Medioambiental SL, Inversiones Patos SL e Reciclaje y Gestión Medioambiental SL.
Hai detidas catro persoas vinculadas a empresas e o concelleiro popular de Obras de Nigrán
A primeira hora da mañá, axentes e unha secrataria xudicial acudiron á Concellería de Medio Ambiente de Ourense, onde advertiron da apertura dunha investigación na que se reclaman expedientes relacionados cun concurso público para o coidado e conservación de zonas verdes da cidade das Burgas.
Por outra banda, en Compostela a Policía achegouse á oficina de Contratación do Concello, onde requisou os contratos de acondicionamento da Leira do Espiño e da remodelación do estanque da Alameda, tras solicitar tres expedientes de obras adxudicadas a Cespa, como o ligado ás actuacións no castelo da Rocha Forte, ademais de pedir información relacionada co aeroporto de Lavacolla. A nave que esta empresa ten na capital galega tamén foi rexistrada.
No caso de Vigo, policías rexistraron despachos e estiveron a solicitar información no departamento de Vías e Obras do Concello e, así mesmo, na localidade pontevedresa de Nigrán efectuaron rexistros no Consistorio. Mentres, en Pontevedra, axentes entraron primeiro no edificio administrativo da Deputación e, posteriormente, na sede principal da institución, onde, entre outras dependencias, accederon ao despacho do presidente, Rafael Louzán, que se atopa fóra desde hai días. Os axentes requisaron expedientes de contratación de obras da contorna de Vigo duns dous anos de antigüidade e que inclúen campos de fútbol, como o de Coia e Coruxo, e obras de saneamento tamén doutras localidades pontevedresas.
A Policía requisou na Deputación de Pontevedra expedientes de contratación de obras que inclúen campos de fútbol e saneamento
No caso de Pontevedra, dous axentes rexistraron o Concello e requiriron catro expedientes, presumiblemente relacionados coas obras da empresa Eiriña na avenida de Lugo, Santa Clara, así como a cabalgata de Reis, xa que a compañía patrocinara unha carroza.
En canto a Nigrán, recolleuse distinto material en diferentes departamentos, mentres que en Ponteareas a Policía Xudicial requisou dúas caixas con documentación de contratos do Concello. A investigación céntrase na empresa Cespa, que forma parte do grupo Ferrovial e que ten contratos en numerosos concellos de Galicia.
O delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, confirmou que se investigan contratos públicos e que se realizaron xa cinco detencións nunha operación centrada na provincia de Pontevedra, pero que tamén afecta as cidades de Compostela e Ourense. Francisco Conde, conselleiro de Economía, pediu "axilidade" á operación policial e asegurou non ter "moita máis información" que se está a coñecer polos medios.