Apértase o pelotón de cabeza e a escapada do PP semella estar a piques de ser neutralizada. O panorama electoral debuxado polas eleccións do 24M no conxunto do Estado tradúcese, en boa medida, nas expectativas de voto cara ás eleccións xerais, previstas para o vindeiro outono. Esta é a principal conclusión a edición de xuño d'O Mirante, o panorama electoral elaborado polo sociólogo Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego que nesta ocasión amosa que o PP segue a caer mentres o crecemento de PSOE e Podemos permite albiscar un panorama no que a suma de ambas formacións se achegaría á maioría absoluta do Congreso dos Deputados.
Para observar esta análise, realizada mediante o método house effects -baseado en tirar os datos dos inquéritos de todas as casas demoscópicas, calcular o seu nesgo e achar un promedio entre elas-, cómpre advertir de que só tres das enquisas publicadas nas últimas semanas realizaron o seu traballo de campo despois das eleccións municipais. Estes estudos máis recentes amosan escasos cambios no panorama electoral cara ás xerais, o que viría demostrar que o 24M se inscribiu no ciclo electoral no que actualmente está instalado o Estado.
O dato máis destacado é o crecemento do PSOE, que gaña máis de un punto e podería ter ata 100 escanos
Partindo desta base o dato máis destacado é o crecemento do PSOE, que gaña máis dun punto a respecto da anterior edición d'O Mirante e podería achegarse aos 100 escanos no Congreso, apenas 10 menos dos que ten na actualidade. Tamén medra Podemos, aínda que menos que os socialistas. O partido que encabeza Pablo Iglesias estrearíase nas xerais como terceira forza, co 19,3% dos votos e entre 65 e 76 escanos. Así as cousas, ambas formacións, pero especialmente o PSOE, estarían cada vez máis próximas do PP, que apenas resiste na contorna do 25% do voto, practicamente 20 puntos menos que nas eleccións de 2011.
A análise ratifica a sobrevaloración de Ciudadanos nos inquéritos nos últimos meses
Por tras dos que virían ser os tres grandes partidos do novo Congreso estaría Ciudadanos, que se mantén en niveis idénticos aos de hai un mes, cun 14,7% de estimación de voto que vén demostrar que, como sinalaron anteriores edicións d'O Mirante, o partido e Albert Rivera estivo moi sobrevalorado en diversos inquéritos, caso por exemplo dos elaborados por Metroscopia e publicados por El País. A edición máis recente do barómetro electoral do xornal de PRISA amosa unha caída de Ciudadanos que, realmente, é unha aproximación ao seu nivel real.
Alén dos postos de cabeza os datos indican que IU seguiría a caer, baixando xa do 4%, e que UPyD desaparecería definitivamente do Congreso, ficando con menos do 1% dos votos a nivel de todo o Estado. No ámbito das forzas soberanistas e nacionalistas prima a estabilidade a respecto de anteriores panoramas electorais coa excepción de Compromís, formación que se ve reforzada polo seu resultado autonómico, e tamén por Geroa Bai, que se aseguraría un escano. Pola banda do BNG os inquéritos outórganlle un 0,64% dos votos, 4 centésimas máis que na anterior análise que lle permitirían reter os dous escanos, se ben os datos de intención directa non lle son tan favorables.