O PSOE adianta a Podemos cara ás xerais e achégase ao PP, que segue a caer

Pedro Sánchez, con Besteiro nunha visita á Mariña CC-BY-NC-SA PSdeG

Tras o empate, o adianto. Tras varios meses como terceira forza política o PSOE consolida unha lixeira tendencia á alza cara ás eleccións xerais previstas para finais deste ano e adianta a Podemos en estimación de voto, o que implica que os de Pedro Sánchez se achegan un chisco máis a un PP que, malia seguir en primeira posición, continúa á baixa tamén en plena campaña electoral das eleccións municipais, que tamén son autonómicas en trece comunidades do Estado.

Segundo a edición de maio d'O Mirante, o panorama electoral elaborado polo analista Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego, se os comicios ás Cortes Xerais se celebrasen agora o PP continuaría como primeira forza política, aínda que cun 25,3% dos votos e entre 111e 118 escanos. Isto supón unha caída de practicamente 20 puntos a respecto das eleccións de 2011 e un descenso de 7 décimas en relación a O Mirante de abril. A posible perda de escanos do partido de Rajoy segue preto dos 70.

No que atinxe aos socialistas a alza que prognostica este estudo situaríaos cun 21,8% dos votos, unha suba de 1,7 puntos que é, practicamente, o que cae Podemos (1,6). Este resultado daríalle ao PSOE entre 91 e 93 escanos, case 10 máis que na anterior edición deste panorama electoral e unha decena menos dos que ten agora. O partido que encabeza Pablo Iglesias, pola súa banda, emerxería no Congreso dos Deputados con entre 65 e 74 asentos, un resultado histórico para unha nova forza pero menos amplo que en análises electorais anteriores. Os tres postos de cabeza péchaos Ciudadanos, que medra 6 décimas, case o mesmo que cae o PP, e ralentiza o seu elevado ritmo de crecemento dos últimos meses.

Mentres por riba o PSOE pasa por diante de Podemos na banda máis baixa Esquerda Unida semella aproveitar ese freo dos de Iglesias para deter, cando menos neste intre, o trasvasamento de votos cara ao novo partido. A formación que nestes comicios estará encabezada por Alberto Garzón recupera unhas catro décimas ou, o que é o mesmo, case un 10% do seu voto estimado. Este 4,6% dos sufraxios outorgaríanlle á coalición de esquerdas 3 ou 4 escanos, mentres que o grupo de La Izquierda Plural ten 11 na actualidade. Outra forza de implantación estatal, UPyD, segue perdendo folgos e mesmo comeza a ter en risco o seu escano de referencia, o de Rosa Díez por Madrid.

IU aproveita o freo de Podemos e UPyD segue a caer, mesmo tendo en risco o escano de Rosa Díez

No que atinxe ás forzas nacionalistas e soberanistas, no caso catalán Convergència i Unió comeza a tomar unha certa vantaxe a respecto de Esquerra Republicana, se ben os apoios agregados a ambas formacións descenden e fannos a apenas catro meses das eleccións catalás. No caso de Euskadi as forzas soberanistas tamén recúan en voto estimado, un lixeiro retroceso que fai que se equilibren as súas forzas nesa hipotética nova correlación de forzas no Congreso. En Galicia o BNG recupera unha décima a respecto da anterior edición d'O Mirante, ascendendo a un 0,6% que viría asegurar, cando menos, un dos seus actuais escanos. 

O BNG ascende unha décima que viría asegurar, cando menos, un dos seus dous escanos

Neste escenario a única posibilidade de sumar unha maioría absoluta a dúas bandas continúa sendo a denominada "gran coalición" entre PP e PSOE, unha opción que, sobre todo pola banda socialista, vén sendo desbotada dende hai semanas. Este escenario xorde a partir da análise denominada house effects, na cal o autor do estudo analiza todas as fontes de inquérito dispoñibles, calculando o nesgo que cada casa de enquisas aplica aos seus traballos e achando un promedio entre elas.

Rajoy, nun acto de campaña © PP
Pablo Iglesias e outros membros de Podemos © Podemos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.