"O presidente galego participou na campaña electoral catalá nun acto organizado polo Centro Galego de Barcelona con motivo do seu 120 aniversario xunto a candidata do PP a presidir a Generalitat, Alicia Sánchez-Camacho". Así comezaban o pasado domingo a maioría de informacións sobre a visita do reelixido xefe do Executivo galego a un dos máis importantes centros da emigración galega no Estado.
O que estaba previsto como un acto de homenaxe e celebración do Centro Galego de Barcelona, polo seu 120 aniversario, acabouse convertendo nun acto electoral, con discursos incluídos e ataques ao presidente da Generalitat, Artur Mas, ao que Feijóo contrapuxo á súa figura. "Os políticos non están para axitar bandeiras, senón para pagar facturas", dixo o presidente en funcións da Xunta, nun discurso demasiado semellante a outros que xa fixo durante a campaña galega.
O Centro Galego foi avisado pouco antes de que Feijóo iría acompañado a un acto que converteu nun mitin político
Só algún día antes de que se celebrase a festa no Centro Galego, a xerencia da institución foi advertida de que Feijóo iría acompañado dunha comitiva do seu partido. Cando todo estaba preparado para unha celebración, o acto íase virando nun acto de campaña que se confirmou o pasado domingo. Con gaiteiros incluídos, a institución da diáspora en Catalunya agardaba unha visita institucional do presidente de todos os galegos, pero atopouse cun militante do PP en apoio dunha candidata do seu partido. Ante a sorpresa da maioría dos asistentes, entre os que había simpatizantes de diferentes formacións políticas.
De feito, a convocatoria inicial para a emigración, a través dunha carta do presidente do Centro Galego, nada dicía da visita de Alicia Sánchez-Camacho, senón que advertía da visita "do presidente en funcións da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo" e da "entrega da medalla de ouro da Federación de Entidades Galegas de Cataluña ao presidente en funcións". Nin unha palabra da visita de Sánchez-Camacho, que acabou acudindo. E ningunha medalla entregada. O acto que ía ser non foi.
"Metéronlles un gol aos do Centro Galego de Barcelona", di un dos asistentes ao que ía ser un acto de celebración e no que o propio presidente da institución pediu desculpas
"Metéronlles un gol aos do Centro Galego", asegura un dos asistentes, que para nada agardaba que o que era unha homenaxe á traxectoria desta importante institución da emigración fose convertida nun mitin político. Incluso asegura que se anulou a interpretación do himno galego que estaba prevista ao final do acto e que tan só o presidente do Centro, Manuel Carrete, falou en galego no seu discurso, no que incluso aproveitou para pedir desculpas pola viraxe que sufrira o acto. "Alí había pais de concelleiros socialistas e membros de CCOO que viron como acababan sendo público dun mitin político do Partido Popular", confirma un dos alí presentes.
"Se non era un acto institucional, como é que alí había cargos da Secretaría Xeral de Emigración?", pregúntase un dos asistentes ao acto. No perfil de Facebook do Centro Galego acumúlanse ás críticas e a petición de explicacións ante as crónicas que falan dun acto do PP "organizado" pola institución da emigración. Pero o conto non foi exactamente así nun Centro que presume desde hai anos de acoller a calquera ideoloxía política no seu seo e que destacou pola súa defensa da lingua e cultura catalá nos últimos tempos.