Unha nova irritou especialmente á cúpula do PP na primeira semana da presente campaña electoral. A saída á luz pública do informe que o Consello de Contas prepara para analizar as finanzas públicas do ano 2010 -o organismo realiza esta avaliación anualmente- no que se detecta o "desprazamento" de máis de 400 millóns de euros en facturas para o exercicio do ano 2011 provocou airadas reaccións no seo do Goberno galego e do partido que o sustenta. Ademais desa suposta enxeñaría contable o informe do organismo fiscalizador, instruído polo que fora conselleiro de Economía de Manuel Fraga, José Antonio Orza, e a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, permite observar tamén o xeito de proceder do gabinete de Alberto Núñez Feijóo nun dos aspectos máis controvertidos da xestión dos sucesivos Executivos galegos: as axudas aos medios de comunicación. E unha ollada aos cadros económicos dá lugar a unha suma doada: en 2010 a Xunta inxectou 15,2 millóns de euros públicos en empresas privadas de comunicación.
Cando retornaron á Xunta os conservadores fixérono cun programa electoral no que se comprometían a desterrar as prácticas opacas a respecto da prensa. Así, prometían que a "política de axudas aos medios de comunicación" pasaría a ter un "soporte legal, como sucede na maioría dos países europeos" e as subvencións e demais achegas económicas gozarían sempre de "transparencia". Pero a lexislatura pasou e ese soporte legal non chegou, como tampouco o fixo a prometidísima Lei de Publicidade Institucional. Por este motivo o informe do Consello de Contas semella ser a única vía para comprobar o reparto de cartos entre os medios e as vías polas que se fai.
Deses 15,2 millóns de euros só o 11,2%, isto é, 1,7 millóns, se asignaron "mediante convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva" (Capítulo IV). O resto fixéronse en procedementos escasamente transparentes e aos que o común da cidadanía non pode acceder. Así, 2,3 millóns corresponden a "subscricións, subministración de exemplares e insercións publicitarias" (Capítulo II). Neste capítulo destaca a achega realizada pola Xunta a La Voz de Galicia, que supera os 1,3 millóns de euros, e supón máis da metade do total. O segundo xornal que máis recibe nesta categoría é El Correo Gallego, con pouco máis de cen mil euros. 55.885 euros derivan de "subvencións de capital" (Capítulo VII) e o groso do gasto, 9,65 millóns (Capítulo VI), son gastos "derivados de convenios de colaboración con distintas consellerías", isto é, da compra de espazos informativos por parte do Goberno, que inserta mensaxes propias presentadas como noticias, e tamén da contratación de anuncios publicitarios.
E, quen recibe estes cartos? As inxeccións monetarias da Xunta foron parar 23 empresas de comunicación, se ben algunhas delas pertencen aos mesmos grupos empresariais. O rexistro de achegas económicas está encabezado por La Voz de Galicia S.A, que recibiu 3,5 millóns de euros, a maioría por subscricións e convenios. Para achar a cantidade total que recibe a empresa con sede en Sabón cómpre sumar os cartos recibidos pola súa división de internet, Canal Voz (277.839 euros) e pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre (243.120 euros). A suma acada, deste xeito, os 4 millóns de euros. A este montante hai que engadirlle, ademais, o que recibiu non na súa calidade de medio de comunicación, senón como "empresa privada", 655.628 que dan lugar ao resultado de 4,6 millóns de euros nun só ano.
Non é La Voz a única cabeceira á que a Xunta lle achegou fondos públicos a través das diferentes empresas do grupo ou por vías diferentes: a de "medios de comunicación" e a de "empresas privadas". Así, por exemplo, Faro de Vigo ingresou 1,15 millóns como medio e 233.519 euros máis como empresa, e a Editorial Compostela -editora de El Correo Gallego- recibiu 1,6 millóns na súa empresa matriz por ser un medio, 205.585 a través da súa filial Código Televisión e 276.121 euros máis como "empresa privada". O Grupo El Progreso recibiu algo máis de 2 millóns, ben directamente ou pola actividade informativa de Diario de Pontevedra, a Axencia Galega de Noticias ou De Luns a Venres. E La Región algo máis de millón e medio a través da cabeceira ourensá e do Atlántico Diario. Na lista, que só recolle os medios que recibiron máis de cen mil euros, chama a atención a completa ausencia dalgunhas cabeceiras coma El País ou o Xornal.
O reparto do último ano do bipartito
Pero, son inéditas estas prácticas ou exclusivas do Goberno do PP? En sentido estrito, non. Unha ollada ao informe do Consello de Contas correspondente ao ano 2008, o último completo do mandato do bipartito, amosa que o Executivo de PSdeG e BNG tamén distribuía cantidades nada desprezables entre os medios. Daquela os fondos repartidos chegaron aos 25 millóns de euros entre 38 empresas de comunicación, dos que o 11,6% se repartiron pola vía das subvencións públicas e, o resto, polos devanditos procedementos opacos (subscricións, convenios e publicidade).
Á hora de comparar co ano 2010 un dos primeiros datos que coinciden son os nomes das principais receptoras de axudas e as contías destas. Así, como en 2010, en 2008 tamén encabezaba o rexistro La Voz de Galicia, S.A, que a través das súas filiais e por todos os devanditos conceptos chegou a ingresar 6,9 millóns de euros públicos nun só ano. Tendo en conta que daquela esta empresa se encargaba tamén de imprimir o Diario Oficial de Galicia (DOG) por un importe de 1,9 millóns de euros ao ano cabe concluír que as axudas foron duns 5 millóns de euros. En 2010, con 15 empresas menos no reparto, só recibiu 400.000 euros menos, case a terceira parte do total.
A suspensión do contrato de impresión do DOG que antes correspondía a La Voz de Galicia (en abril de 2011 deixou de imprimirse) viuse compensado polo incremento do capítulo de "subscricións, subministración de exemplares e insercións publicitarias" para o xornal coruñés, que pasou de 131 mil euros en 2008 aos 1,3 millóns de 2010.