“Xa non é o tempo das vacas fracas senón das vacas normais, tirando a gorditas”, di o conselleiro de Facenda ao presentar os Orzamentos para 2018, que suben un 2,9 por cento ata os 9.487 millóns
O Goberno galego entregará este venres no Parlamento para a súa tramitación e aprobación o proxecto de Orzamentos para 2018, aprobado este xoves no Consello da Xunta. Á espera de coñecer o seu contido concreto, este xoves o presidente Feijóo e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, publicitaron as cifras máis favorables ao Goberno galego e salientaron que o crecemento da economía non vai ser todo o bo que se prevía “ante a incerteza que supón a situación política e económica de Cataluña”.
As contas públicas autonómicas ascenderán o próximo ano a 9.487 millóns de euros, 331 millóns máis que os orzamentos deste 2017, o que supón un incremento do 2,9%. Dese aumento, segundo a Xunta 202 millóns irán destinados a aumentar o “gasto social”, pero os datos facilitados este xoves polo Goberno galego impiden contrastar e detallar esa afirmación, que en todo caso suporía que o gasto social permanecería aínda uns 300 millóns por baixo do que había en 2009.
Á marxe do gasto público, cuxas partidas concretas non se coñecerán ata este venres, os Orzamentos prevén un crecemento do PIB galego dun 2,5% para 2018, lixeiramente por baixo do 2,7% previsto ata o de agora e que a Xunta atribúe á situación de Cataluña e derivada da revisión á baixa equivalente do PIB estatal do 3,3% ao 2,6%. Canto ao paro, a Xunta prevé en 2018 unha taxa do 14,2%, fronte ao 15,7% deste 2017. Na súa presentación optimista das contas públicas, o conselleiro de Facenda chegou a dicir que este xa non é o tempo das vacas fracas senón das “vacas normais, tirando a gorditas”.
Do mesmo xeito que culpou a Cataluña do menor crecemento da economía galega, Feijóo tamén sinalou que as contas galegas prevén un incremento dos salarios dos empregados públicos autonómicos que estará condicionado a que o Goberno central así o autorice a través duns presupostos xerais do estado que aínda non foi quen de pactar cos partidos da oposición.