A Xunta reafirma a súa aposta polos impostos que non gravan a renda

A conselleira diríxese ao estrado, en presenza de Feijóo © Xoán Crespo

Un "crecemento solidario" baseado nos impostos que gravan os petos de toda a cidadanía por igual, con independencia da súa renda. Esta podería ser unha síntese da filosofía orzamentaria do Goberno galego para os próximos anos ou, cando menos, dos propósitos da máxima responsable das finanzas públicas da Xunta. A titular de Facenda, Elena Muñoz, acudiu este luns ao Parlamento para defender o seu proxecto orzamentario de 2014 fronte ás emendas á totalidade da oposición, un debate no que, cando aínda non interviñeran PSdeG, AGE e BNG, a conselleira xa advertiu de que os seus plans implican unha aposta por "máis preponderancia da imposición indirecta".

Cuns Orzamentos nos que a lixeirísima rebaixa do IRPF é superada en 8 millóns de euros pola suba do imposto de carburantes Muñoz asegura que prioriza a imposición indirecta para "rebaixar a presión sobre o traballo" e así, asegura, "beneficiar a quen máis o necesita". O alarde de sinceridade da conselleira foi vista pola oposición como todo un exercicio de "descaro", en verbas do voceiro do BNG, Francisco Jorquera, que lle aplica esta definición ao feito de ver "xustiza social" nos "impostos que non distinguen en función da renda, castigan máis as rendas do traballo e castigan o consumo, evitando a recuperaicon da demanda. "Os que menos teñen pagarán máis" e isto, asegura, é tanto como "roubarlles aos pobres para dárllelo aos ricos".

Muñoz admite que no seu orzamento aposta por darlle "máis preponderancia á imposición indirecta"

O discurso de "dilixencia" e "rigor" da responsable financeira do gabinete Feijóo tampouco calla nas filas de AGE cuxo voceiro, Xosé Manuel Beiras, ve nas teóricas baixadas de impostos unha "trapallada capciosa e demagóxica". Non en van, subliña, as cifras do propio Goberno din que "o total da imposición indirecta medra no 1,3% e a indirecta, o 6,5%". Tentar "compensar" estes números cun leve recorte do 0,5% do IRPF para unha faixa de poboación da que "boa parte" está "exenta" de facer a declaración non é máis ca "demagoxia", ademais dunha "trapallada no plano técnico e xurídico". A Xunta, lamenta Beiras, non fixo "nada" ata 2013 para "incrementar os ingresos ordinarios" e agora fai "algo peor que nada" mentres o 92% do "imposto único progresivo", o da renda, procede dos ingresos de "asalariados".

"Unha herdanza insoportable"

Neste escenario, o voceiro do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, sitúase tamén no polo oposto ao da diagnose dun Goberno que fai contas cunha "suma" de "xustiza social e ineficacia". "Retrocedemos moitos anos no benestar das persoas" ata chegar a unha "situación terminal" ante a que a Xunta só presenta "medidas paliativas", di o socialista. Para Romeu, á política fiscal centrada nos asalariados cómpre engadir o endebedamento que vai "gravitar" como unha "lousa sobre os gobernos futuros, que ademais do necesario endebedamento para as súas políticas van atopar unha herdanza insoportable" que xa se achega aos 10.000 millóns de euros "consolidados" aos que cómpre engadir os 3.000 millóns de operacións público-privadas. Pero Feijóo, ironiza, mantén que a Xunta se administra "como calquera familia".

PSdeG, AGE e BNG advirten do excesivo peso do endebedamento, tamén o das operacións público-privadas

"Triplicaron a débeda, niso debe consistir facer máis con menos", concorda Jorquera, para quen esta realidade, sumada á devandita "hipoteca dos máis de 3.000 millóns das fórmulas público-privadas", permite concluír que en Galicia "perden todos agás os bancos". Tampouco cabe, nesta conxuntura, advirte, "volver repetir o Yo, pecador, me confieso" a respecto do Goberno bipartito. "De toda a débeda acumulada" só o 6% corresponde ao período da coalición de PSdeG e BNG e, maís aínda, este Executivo rebaixou o peso do endebedamento no PIB, pasando do 7,3% en 2005 ao 6,8% en 2008, salienta.

Tamén Beiras pon o foco na "descarada porcentaxe" que os Orzamentos poñen "ao servizo da débeda", un contexto no que "falar só da débeda que computa a efectos da UE é unha situación" tan "falsa" como a "solvencia financeira" da que fala o Goberno. "Ocultar" a débeda das operacións público-privadas ou das empresas públicas "constitúe unha inmoralidade" baseada na máxima de que "os que veñan detrás, que apanden". "Esa si que é unha herdanza, podre e altamente tóxica". advirte.

A conselleira diríxese ao estrado, en presenza de Feijóo © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.