A Xunta repón un 30% do que recortou nas axudas por violencia machista tras quedar sen cartos

Acto da Marcha Mundial das Mulleres contra a violencia machista CC-BY-SA MMM

O pasado abril a Secretaría Xeral de Igualdade, dependente da Vicepresidencia da Xunta, convocaba as "axudas períodicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero", creadas polo bipartito baixo o nome de "salario da liberdade", e facíao cun notable recorte. Os subsidios destinados a evitar que as vítimas das agresións machistas non poidan afastarse delas por dependeren economicamente dos seus agresores chegaban daquela cun recorte do 25% que, segundo a Xunta, non ía impedir cubrir a demanda de axuda. Sete meses despois, Igualdade admite que a asignación orzamentaria ficou curta. 

O Diario Oficial de Galicia publica este mércores unha resolución no que o departamento que dirixe Susana López Abella admite, pola vía dos feitos, que os cartos non chegan. "Dado o volume de solicitudes presentadas", que "non poden ser atendidas polo esgotamento do crédito inicialmente asignado", e tendo en conta ademais "as necesidades das posibles beneficiarias, resulta necesario incrementar a dotación orzamentaria destinada a esta axuda", explica Igualdade.

O Goberno recortou case 600.000 euros e agora engade 155.000

Así as cousas, aos 1,9 millóns de euros consignados en abril engádense agora 155.061 euros máis ou, o que é o mesmo, un 26% dos 587.800 euros que a Xunta recortara previamente. Esta operación non é, nin moito menos, inédita neste departamento autonómico. Non en van, xa en 2012 a mesma apelación ao "volume" de solicitudes presentadas forzou a amplicar en case 220.000 euros o crédito inicial de 2,4 millóns. En 2011 a contía inicial foi de 2,09 millóns aos que houbo que sumar 300.000 máis. Aínda así, a finais de ano Igualdade tivo que anunciar que "esgotara o crédito dispoñible".

A economía, un dificultade engadida para saír da violencia

Que as vítimas dispoñan ou non deste tipo de axudas sen problemas non é, nin moito menos, unha cuestión menor. Isto é, cando menos, o que consideran institucións e persoas expertas neste ámbito, caso por exemplo da presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, Inmaculada Montalbán, que a pasada primavera advertía unha relación entre o descenso de denuncias por maltrato e a crise económica. A baixada de demandas por agresións machistas, que en Galicia achegouse ao 20% entre 2011 e 2012, "pode ser debida ao impacto da crise económica, tanto na vítima como na súa familia e na propia sociedade", argumentaba.

"Moitas mulleres aguantan a violencia porque non teñen de que vivir"

Igual que Montalbán, que reclama abertamente o "mantemento" do "esforzo socail e institucional" para "asistir de maneira integral e recuperar as vítimas", tamén a catedrática de Dereito Procesual da USC Raquel Castillejo, experta no estudo e abordaxe da violencia machista, relaciona a economía coa dificultade para fuxir do maltrato. "As mulleres que xa están metidas na espiral da violencia agora saen con maior dificultade, porque moitas aguantan porque non teñen de que vivir", resume.

Acto da Marcha Mundial das Mulleres contra a violencia machista CC-BY-SA MMM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.