A Xunta retruca á RAG que nada mudará na súa política lingüística

Jesús Vázquez, co presidente da RAG nun acto público © Xunta

Nada vai cambiar. Escasas horas despois de que a Real Academia Galega saíse á palestra para reclamar un xiro na política lingüística da Xunta, a comezar pola derrogación do denominado decreto do plurilingüismo e a aplicación do Plan Xeral de Normalización, a Consellería de Educación retrucou en forma de comunicado para, en síntese, advertir de que non prevé mover nin unha letra do seu guión. Na recta final do mandato de Jesús Vázquez como conselleiro o seu departamento di, no nome de todo o Goberno, "compartir a vontade expresada na declaración institucional" da Academia. Ao tempo, no entanto, esgrime os mesmos datos do IGE que prenderon todas as alarmas académicas para tentar xustificar que a liña gobernamenta é a correcta para a promoción da lingua propia de Galicia.

O Executivo, di o comunicado, "coincide maioritariamente" coa "análise" da RAG, tamén no que atinxe á "necesidade de involucrar a toda a sociedade na mellora dos índices de uso" da lingua "a partir dos datos" do IGE". Así e todo, di a Consellería, "algúns dos datos que se poden tirar da enquisa son positivos". Sempre segundo a versión oficial, o inquérito, que manexa datos correspondentes a 2013, "destaca o feito de que o galego continúa a ser a lingua maioritaria" e "constata un cambio de tendencia en favor de galego" nos "índices de coñecemento oral e escrito". Ademais, afirma, "cómpre sinalar que esta enquisa acredita a ruptura coa tendencia de descenso de falantes de galego de entre 5 e 14 anos".

O Goberno contradí os datos e dá por rota a "tendencia no descenso de falantes de galego" entre a infancia

O optimismo das declaracións oficiais contrasta, como adoito neste ámbito, cos propios datos. Así, as cifras do IGE acreditan que as persoas de entre 5 e 14 anos que declaran falar sempre ou maioritariamente en galego descenderon 15 puntos en dez anos, ata chegar a ser apenas unha cuarta parte da poboación nesta franxa de idade. Asemade, a mocidade galegofalante pasou de roldar o 45% da total a ficar no 36%. Ao contrario do que acontecía hai unha década o galego tampouco é xa maioritario entre as persoas de entre 30 e 49 anos, condición que só ostenta nas maiores de 50 e, moi especialmente, nas maiores de 65.

Alén das mencións máis ou menos rituais ás "medidas eficaces que induzan cambios lingüísticos no uso e percepción do idioma propio", o Goberno galego fai especial fincapé na súa intención de seguir adiante sen variación ningunha co seu decreto. Faino, entre outros motivos, di, porque "a propia enquisa do IGE rexistra un uso equilibrado do galego no ensino universitario" e "ademais", porque "oito sentenzas do TSXG sobre esta norma contemplan que son legais o principio de equilibrio entre galego e castelán, a introdución do plurilingüismo e a colaboración das familias nas decisións educativas".

Alén de que tales ditames xudiciais tombaron elementos centrais do plan lingüístico da Xunta como as controvertidas enquisas vinculantes ás familias o certo é que os datos do IGE tampouco ofrecen unha fotografía exactamente igual ao relato da Consellería. Así, o instituto estatístico detectaba en 2003 que en torno ao 40% do alumnado recibía todas ou a maioría de materias en galego e entre o resto, preponderaba o castelán. En 2008, no primeiro ano do decreto 124/2007, as proporción invertírase e o alumnado con todas ou a maioría de materias en castelán era o 40%. En 2013 o alumnado coa totalidade ou a maior parte das materias escolares en lingua galega é algo menos do 46%.

Asemade, unha ollada máis detida aos datos permite coñecer que, co paso dun decreto a outro, o alumnado que di recibir todas as materias en galego descendeu máis de 12 puntos ata quedar en pouco máis do 2% e o que indica que estuda maioritariamente en galego pasou do 46% ao 43%. Mentres, a resposta "maioritariamente en castelán", a preponderante na actualidade, incrementou do 32% ao 51%. A impartición de todas as materias en castelán, pola súa banda, descendeu algo máis de 3 puntos e queda no 3,08%.

A Xunta asegura estar a cumprir o Plan Xeral de Normalización

A regresión experimentada entre 2008 e 2013 contradí algúns dos preceptos básicos da Lei de Normalización Lingüística e do Plan Xeral de Normalización, que indican que o proceso de promoción da lingua ten que ser, en todo caso, progresivo. A respecto do Plan, que o conselleiro saínte deu en definir ao inicio do seu mandato como "remuíño de ideas", a Xunta asegura que "está a aplicar unha política lingüística destinada a darlle debido cumprimento". A RAG, pola súa banda, cre que "non se pode demorar por máis tempo o momento de emprender iniciativas concretas con prazos precisos" para aplicar efectivamente tanto a lei como o plan.

Jesús Vázquez, co presidente da RAG nun acto público © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.