Non sorprende, claro. Que Jean-Marie Le Pen, presidente de honra da Fronte Nacional, apoie a reforma da lei do aborto que impulsa o Goberno de Mariano Rajoy é máis que lóxico. O seu partido (e a súa filla, Marine) defenderon mesmo deixar de financiar as interrupcións do embarazo cando se alegasen razóns económicas. Se cadra é bastante revelador que o clan Le Pen sexa o único en pronunciarse a favor da nova norma, que retrotrae a lexislación española a 1985 e mesmo máis atrás. Nin sequera a dereita francesa apoia a derrogación da lei de prazos.
E o Goberno francés, a través da súa ministra dos Dereitos das Mulleres, Najat Vallaud-Belkacem, mostrouse mesmo preocupado. E transmitiu a súa inquietude ao titular de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón: "É terrible ver que nun país como España, que nos últimos anos converteuse nunha referencia para quen loitan contra a violencia contra as mulleres (...) vaia dispor un retroceso en materia de dereito a dispor do corpo propio". Isto demostra que "os dereitos das mulleres nunca están conseguidos de forma definitiva", afirmou.
A prensa conservadora europea critica o proxecto, que só recibiu eloxios da ultradereita francesa
Con todo, o ministro pode sempre contar coas palabras de alento de Le Pen, que na súa conta de Twitter afirma: "O proxecto de lei española sobre o aborto demostra que se pode actuar na cuestión con mesura, intelixencia e preocupación polo respecto á vida". E non moito máis, a verdade. Porque as reaccións na prensa internacional foron bastante unánimes. O británico The Times acusa a Rajoy de "abuso de poder", La Repubblica fala de "volta ao pasado" e Le Monde considera o proxecto "unha concesión á facción dura do partido". Non parece que a proposta do Goberno contribuíse moito a enxalzar a Marca España.
Le projet de Loi espagnol sur l'avortement prouve que l'on peut agir en la matière avec mesure, intelligence et souci du respect de la vie.
— Jean-Marie Le Pen (@lepenjm) December 23, 2013
En España, nin sequera os seus 'socios'
En España as cousas non pintan moito mellor. Alén das gabanzas de asociacións ultraconservadoras como o Foro Español de la Familia, a Fundación RedMadre, a Federación Española de Asociacioness Provida ou Hazte Oir, que criticaron que non se chegue ao "aborto cero" pero consideran a nova lei "un avance". E o beneplácito da Conferencia Episcopal, que considera a nova lei "menos mala" que a anterior.
Máis aló disto, as mostras públicas de apoio da sociedade civil non abondan. E menos as políticas. A cualificación case unánime de "retroceso" e de "reaccionaria" abarca case todo o arco parlamentario do Congreso dos Deputados. O PSOE apela á condición de muller das parlamentarias populares para que non voten a lei mentres o senador do PP Luis Peral defende a "satisfacción" que a reforma dará a moitos votantes do partido. E asegura que o aborto é unha forma de violencia de xénero "que ás veces non se quere recoñecer".
Por suposto que a "oposición radical" do PSOE, ERC e Izquierda Plural non preocupan ao Goberno. Aínda que quizais si xere certa inquietude que até a democracia cristiá, o PNV e CiU, se desmarque da xogada de Rajoy que busca, segundo as palabras de Peral, "contentar o seu electorado". Estes socios naturais do PP no Congreso marcaron distancia e poderían deixar sós outra vez os populares no hemiciclo. Fóra dos conservadores navarros de UPN, onde a taxa de abortos é de 2 por cada 1.000 mulleres (a media é 12). Non en balde, UPN propuxo que se enviase ás mulleres que queren interromper o seu embarazo unha imaxe ecográfica do feto. Pero UPN é só un voto no Congreso. PNV e CiU suman 21.
Até a democracia cristiá, PNV e CiU, se desmarca da xogada de Mariano Rajoy
A presidenta da executiva do PNV, Itxaso Atutxa, declarou publicamente a súa preocupación por unha reforma que "responde as presións que o PP ten dalgúns sectores moi concretos e reaccionarios da sociedade española". E o seu portavoz parlamentario anunciou que o PP non contará co seu apoio se o seu obxectivo é "volver aos tempos de 1985". O lehendakari, Iñigo Urkullu, asegurou: "Nin entendo nin comparto o anteproxecto" porque rompe "un amplísimo consenso social".
Pola súa banda, CiU deixa liberdade de voto aos seus membros. E o antecedente non é bo para o PP. En maio, o Parlament pronunciouse en contra da revisión por parte do Goberno central da actual lei de prazos. A moción aprobouse cos votos a favor de CDC e as 14 abstencións de UDC e de dúas deputadas de CDC.
O PP tería que facer valer unha vez máis a súa maioría absoluta no Congreso e o Senado para aprobar outra lei orgánica en solitario, como xa sucedeu coa de Educación. A LOMCE e a Lei Orgánica de Protección da Vida do Concibido e dos Dereitos da Embarazada quedarán para sempre irmanadas por nacer sen apoios. A Lei Wert, que cultivou o compromiso da oposición de derrogala en canto sexa posible, e a que, se cadra, sexa bautizada como Lei Gallardón. Seguramente José María Ruiz Gallardón, o pai do ministro, estaría orgulloso.