Absolución para os ex edís de Ourense imputados no 'caso dos paneis'

Sánchez Vidal e García Mata CC-BY-SA Praza Pública

Absoltos. A Audiencia Provincial de Ourense vén de decretar a absolución dos ex tenentes de alcalde da cidade Alexandre Sánchez Vidal e Andrés García Mata, así como do que fora director xeral de Turismo do Concello, David Cortón, do funcionario Elías Domínguez e dos empresarios José Omar Bouzo e Daniel Conde. Sobre todos eles pesaba a imputación de delitos de suborno, prevaricación e falsidade documental pola adxudicación da instalación de catro paneis informativos en diferentes puntos de Ourense e o xuíz non atopa argumentos para condenar a ningún.

A falta de probas, nalgúns casos, e noutros unha tramitación "farragosa, confusa e notoriamente incorrecta" pero que non "transcende o ámbito penal" son as razóns esgrimidas pola audiencia neste caso iniciado a instancias dunha denuncia do PP e no que a Fiscalía chegou a reclamar entre un e cinco anos de cárcere e entre 10 e 14 anos de inhabilitación para os diferentes imputados. Neste contexto, os maxistrados ven probado que Cortón comezou en 2007 o proceso para instalar os devanditos paneis e tivo sobre a mesa tres propostas, unha delas da empresa Afiador S.L., propiedade de Daniel Conde e José Omar Bouzo que se constituíu formalmente en febreiro de 2008.

Os maxistrados consideran a tramitación como "farragosa, confusa" e "incorrecta", pero non observan un delicto

Elías Domínguez foi o encargado do expediente para a contratación e tamén quen informou, segundo a sentenza, a proposta de Afiador S.L. como máis favorable. A contratación formalizaríase nun convenio asinado por Conde e Sánchez Vidal, daquela tenente de alcalde polo BNG (actualmente, en CxG), co visto e prace de García Mata (naquela altura tamén no Bloque, na actualidade en CxG). Antes de instalar os paneis cumpría a aprobación da Xunta de Goberno Local, que solicitou informes xurídicos mentres, paralelamente, comezaron a realizarse os buracos para instalar as pantallas en dous puntos da cidade, obras que foron paralizadas por motivos urbanísticos e o convenio, anulado.

Foi este proceso o que o PP levou á Fiscalía, cunhas acusacións que agora a sentenza considera que teñen "a máis absoluta indeterminación", pois non logra ter probas que amosen "acordos entre os acusados" nin probas "de que o convenio resultase tan lucrativo como pretende a acusación". "Toda a actuación administrativa pode calificarse de farragosa, confusa e notoriamente incorrecta", enfatiza a sentenza, pero non é constitutiva de delito. Pouco despois de coñecerse a sentenza Sánchez Vidal valorábaa en declaracións a Radio Ourense, en cuxos micrófonos considerou probado "o que dixemos nós, que isto era unha acusación política e unh acalumnia". O PP, di sen mencionali, tentou "desmantelar" o goberno municipal da época pola vía dos xulgados pero este "é un triunfo dos demócratas", porque agora "o PP e todos os que axudaron no mantemento e difusión desta burda mentira terán que medirse á hora de facer acusacións". En  todo caso, lamenta, "a nós ninguén nos vai devolver catro anos de estar sometidos a un xuízo público e á sospeita".

Sánchez Vidal e García Mata CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.