"Como partido, nunca nos presentaremos a unhas eleccións". Tras seis meses de traballos previos o colectivo ata agora coñecido como Ecogaleguistas botará a andar este sábado en Compostela como un novo partido político, o Espazo Ecosocialista. Cunha asemblea na que culminarán o debate e aprobación dos seus textos políticos os ecosocialistas terán, dende a súa propia constitución, a vista posta "na nova forza política que xurda da unión e da cooperación" con outros grupos, a comezar por Máis Galiza e Acción Galega, cos que veñen de pechar un primeiro documento programático.
Enmarcados na "esquerda nacional renovadora", os membros do novo partido amósanse "dispostos a avanzar, xa e en breve" cara a un "proceso de fusión orgánica con outros colectivos" sen que "en ningún caso" o resultado sexa "un partido tradicional, en vertical", explica para Praza Pública unha das súas covoceiras, Chus Bóo. "Ten que haber organos directivos pero a participación das bases debe ser real" e, por iso, avanza, os procesos de elección interna se desenvolverán a través de "listas abertas, cunha democracia absoluta".
"Queremos atraer xente que non está en ningún partido, que está desafecta da política"
Dado que nos seus proxectos non se inclúe a participación directa en eleccións "non lle damos demasiada importancia aos cargos", afirma Bóo. "O importante é a organización, que ten que ser estable" para a partir dela, permitir "o avance das ideas, dos traballos" e "ser un pegamento entre outros grupos que consigamos atraer", especialmente entre aquela "xente que non está en ningún partido", que se enmarca na "desafección da política" pero "ten moito que achegar". Dende esa base tentarán incorporar ao cerne das súas propostas "ideas que os partidos clásicos deixaron de lado" e empregaron "como apéndices ou verniz" das súas iniciativas e programas, caso por exemplo "do ecoloxismo ou da xustiza social".
Estas e outras formulacións serán as que estean sobre a mesa nuns actos nos que os ecosocialistas explican que queren ser mostra da súa vocación de "apertura". Por iso na asemblea participarán integrantes doutros colectivos e forzas políticas como Pilar Candocia, Henrique Monteagudo ou Teresa Táboas, así como Lana Rocha, do 15M de Pontevedra e haberá unha quenda para "representnates da esquerda renovadora e verde doutras partes do Estado", como Amaiur e Compromís. Xa na clausura anuncian a presenza de delegacións de Acción Galega, o Encontro Irmandiño e Máis Galiza.