Adeus a Esther Pita, “un exemplo de loita continua polo benestar da comunidade"

Esther Pita © Concello de Oleiros

“Un exemplo de loita continua polo benestar da comunidade durante toda a súa vida, tanto desde a política como desde o movemento veciñal”. Así definía o Concello de Oleiros a Esther Pita logo de coñecerse o seu pasamento na madrugada do pasado domingo aos 74 anos. A que foi alcaldesa de Oleiros sete anos e concelleira durante case medio século marchou deixando un ronsel de boas obras, de recoñecemento e de gratitude. A unha muller que rachou tópicos, muros e teitos desde esta localidade da comarca coruñesa, o municipio con maior renda per cápita de Galicia, gobernada desde hai máis de trinta anos por Alternativa dos Veciños, partido independente, de esquerda e de base veciñal do que foi unha das fundadoras. 

“O teu ímpeto e a túa fidelidade contribuíron a este Oleiros que hoxe desfrutamos”, di o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane

Outro daqueles fundadores, Ángel García Seoane, é o alcalde de Oleiros ao que substituíu á fronte da alcaldía entre 1996 e 2003, cando foi inhabilitado por un polémico derrubamento en Santa Cristina. “O teu ímpeto e a túa fidelidade contribuíron a este Oleiros que hoxe desfrutamos”, expresou o rexedor nas redes para despedirse de Pita dunha histórica activista veciñal que deixou unha “pegada imborrable”, como destacou o BNG oleirense.

Cun recoñecido labor como concelleira de Servizos Sociais, a súa preocupación pola xente maior e pola veciñanza en xeral foron sempre gabadas en Oleiros e fóra desta localidade, que a lembra cunha praza que leva o seu nome en Santa Cruz. A unha muller que foi tamén feminista antes nin tan sequera de que ese termo fose moi recoñecido. E nun acto multitudinario, en 2013, onde rebordou o cariño que por ela sentían tantos. 

Festeira e comprometida coma poucas, o Concello de Oleiros despídea lembrando “o compromiso co seu pobo”, que “sempre foi total e contribuíu dunha maneira extraordinaria ao progreso do municipio en todos os ámbitos”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.