Anova abre a consulta sobre a fórmula xurídica de En Marea para o 26-X

Votación nunha asemblea de Anova Dominio Público Praza Pública

Anova abre este xoves, a partir das 16 horas, a súa consulta á militancia sobre as futuras eleccións ás Cortes e a fórmula xurídica que debe adoptar En Marea para presentarse aos comicios do vindeiro 26 de xuño. As bases da formación nacionalista poderán votar ata o venres ás 18 horas e terán que responder dúas preguntas: a forma na que se debería presentar a coalición e a participación ou non na confluencia, independentemente do resultado que achegue a consulta. 

Anova preguntará pola fórmula de concorrencia e se o partido debe participar en En Marea independentemente da opción escollida

En concreto, a militancia de Anova responderá, primeiro, sobre Que fórmula xurídica considera que sería a máis acaída para garantir os obxectivos políticos de En Marea de cara ao 26X e poderá elixir entre Coalición ou Partido Instrumental. A segunda pregunta será: Pensas que Anova debe participar nos comicios ás Cortes Españolas en En Marea independentemente da fórmula xurídica expresada por nós, salvagardando o espazo de unidade popular?As bases contestarán Si ou Non

Por outra banda, Anova vén de facer públicos os resultados das primarias internas nas que se escolleron as persoas propostas para formar parte na lista de En Marea para as eleccións de xuño. A consulta rematou este xoves ás 11 horas e a participación entre as bases foi do 61%, segundo indica a formación nacionalista. 

Alexandra Fernández repetirá como número 1 por Pontevedra por En Marea tras ser ratificada nas primarias de Anova

Así, para o Congreso por Pontevedra a primeira persoa proposta por Anova, e que encabezará a lista de En Marea por esa circunscrición logo da repartición de postos acordada na coalición, será novamente Alexandra Fernández, con máis do 91% dos votos, fronte ao algo máis do 8% de David Carballal. 

Tamén repetirá Miguel Anxo Fernán Vello que, tal e como aclara Anova, entrou como número 1 pola lista ao Congreso "non por cota partidaria de Anova, senón como figura de consenso por parte da coalición toda". Ao manterse o compromiso de repetir as listas, o que fora deputado na última lexislatura manterase no mesmo posto na candidatura de Lugo, provincia onde ningunha persoa manifestou o seu desexo de presentarse para optar a un posto por Anova. 

Fernán Vello recuncará tamén como cabeza de lista por Lugo tras ser escollida como figura de consenso na coalición

Para o Congreso pola Coruña, pola súa banda, a primeira opción a propor por parte de Anova para En Marea será a de Gladys Afonso, que acadou un 73,3% do voto nesa circunscrición, seguida por Eduardo García Santiago (11,6%), Jorge Caeiro (11,2%) e Gelasio Varela (3,9%). No referente ao Senado pola Coruña, a máis votada foi Iria Otero (78,3%), seguida por Mónica Montero (21,7%).

En Ourense, para o Congreso, a proposta de Anova será a de Víctor Manuel Gil, que obtivo todo o voto ao non concorrer ninguén máis por esa circunscrición. No Senado por esta provincia, a máis votada foi Pilar Barros (56,4%), seguida de David Fernández Calviño (43,6%), ex deputado de AGE no Parlamento galego. 

Votación nunha asemblea de Anova Dominio Público Praza Pública
Alexandra Fernández, deputada de En Marea © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.