As axencias privadas levarán ata 3.000 euros públicos por colocar unha persoa tres meses

Mobilización da CIG ante unha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

As axencias privadas de colocación cobrarán entre 300 e 3.000 euros por colocar a persoas en desemprego, en función da idade do parado e do tempo que leva en desemprego. Bastará con que esas persoas consigan un contrato temporal de seis meses para que as empresas consigan a súa recompensa. O Ministerio de Emprego tamén lles pagará ás axencias que atopen irregularidades que conduzan a unha sanción aos desempregados.

As contías que percibirán as axencias serán maiores canto maior sexa a idade do parado e máis tempo leve en desemprego. Así, por colocar a un mozo de até 29 anos que leve entre 3 e 6 meses en desemprego as axencias poderán obter 300 euros. A contía aumenta se leva máis de dous anos en paro: nese caso percibirían 1.850 euros. Se se trata dunha persoa de 30 a 44 anos que leva dun a dous anos en paro, a recompensa sería de 1.250 anos. O incentivo máximo é o que se pagará por colocar a persoas de 45 anos ou máis que leven máis de dous anos desempregadas: 3.000 euros.

As empresas recibirán incentivos por denunciar persoas en desemprego e percibirán cartos aínda que non lles atopen traballo

A estas cantidades poderánselle sumar outros incentivos. Por exemplo, por especial dificultade de inserción, "condición de persoa con discapacidade ou risco de exclusión", poderase sumar unha prima de até mil euros. Tamén haberá un incentivo por manter o emprego: desta forma, se a persoa colocada mantén o seu emprego durante outros seis meses, a axencia poderá cobrar o 50% máis do que percibise por esa persoa.
O Ministerio de Emprego premiará tamén as axencias que atopen irregularidades que acaben nunha sanción ao parado. "Farase efectivo aínda que non se consiga a inserción, a condición de que a consecuencia da información que a axencia obtivese durante a prestación do servizo e proporcionase aos servizos públicos de emprego se inicie un procedemento que conclúa coa imposición ao desempregado dalgunha sanción", din os pregos de condicións da licitación.

Haberá tamén unha remuneración fixa á axencia, é dicir, as empresas percibirán un diñeiro fixo por cada persoa que lles envíen os servizos públicos de emprego, independentemente de se lle atopan ou non un emprego. Esta remuneración non poderá ser superior a 400 euros por persoa.

Só as grandes axencias

Emprego habilitou unha partida de 200 millóns de euros para repartir entre as empresas privadas que coloquen a desempregados e que logren a maior puntuación no proceso de licitación. As empresas interesadas tiveron até o 30 de agosto para presentar as súas ofertas. O Servizo Público de Emprego avalía agora as súas propostas, que cualificará en función da estratexia de colocación e de captación de ofertas de emprego, entre outros criterios.

Os requisitos deixan fóra, na práctica, á maioría de ONG e asociacións sen ánimo de lucro

Non todas as axencias de colocación puideron concorrer á licitación, só as que no últimos tres exercicios tivesen un volume mínimo medio de negocio anual de 100.000 euros. Na práctica este requisito deixa fóra á maioría de ONG e asociacións que tamén son axencias de colocación e que en moitos casos están especializadas en colectivos específicos, como inmigrantes ou persoas en exclusión social.

Mobilización da CIG ante unha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.