As vías para atallar a emerxencia da extrema dereita, a debate na Coruña

Presentación das xornadas sobre o auxe do neofascismo CC-BY-SA GUE/NGL

Coñecer "o que hai por tras deles" para tentar "paralos". É a intención das xornadas O auxe do neofascismo e da extrema dereita en Europa. Perda de dereitos e liberdades, que este 15 e 16 de marzo organiza na Coruña o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) en colaboración coa Universidade coruñesa e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

A eurodeputada Lídia Senra e varias das relatoras desta serie de coloquios presentaron este venres un evento que parte da base, din, da necesidade de coñecer as dinámicas tras o ascenso da extrema dereita. "Non cremos que ninguén queira volver a situacións pasadas nas que se prohibía falar e escribir en galego ou reunirse na rúa máis de tres persoas", exemplifica, nun contexto no que a esquerda, coida, tamén debe preguntarse "por que as súas propostas non chegan á sociedade en xeral.

"O neofascismo está xa presente en 18 parlamentos europeos", alerta unha das relatoras

Unha das participantes nas xornadas, Pastora Filigrana, avogada do Sindicato Andaluz de Traballadores (SAT) coida tamén que eventos coma este deben servir para que a esquerda "se pare a pensar" en "por que moita xente non se sente identificada con ela, por que non capta o seu descontento". E isto sucede, alerta, mentres "o neofascismo está xa presente en 18 parlamentos europeos" e "un deles é o de Andalucía". "É posible que esta representación aumente" e por iso "urxe entender os porqués do que está ocorrendo.

Primeira sesión das xornadas, no paraninfo da UDC CC-BY-SA GUE/NGL

O presidente da CRMH da Coruña, Fernando Sluto, o reitor da UDC, Julio Abalde, e a propia Senra abriron este venres na tarde unhas xornadas. Tras eles,  a investigadora da Universidade de Viena Gabriele Michalitsch, a estudosa británica Sophia Siddiqui e a propia Pastora Filigrana foron protagonistas do coloquio Retrato da extrema dereita en europa

O "retrato da extrema dereita en Europa" ou o papel dos medios e das redes sociais na difusión das súas mensaxes son algúns dos temas abordados nas xornadas

A xornada do sábado comezará ás 11 cunha sesión sobre o papel dos medios e as redes sociais na divulgación e propagación das mensaxes da extrema dereita, "do racismo ao machismo". Nela participarán os xornalistas Juan Miguel Baquero e Claudia Morán, o profesor Antón Losada e mais Natalia Monje, responsable de comunicación de Ecos do Sur, moderados por David Lombao.

O sábado pola tarde as xornadas deteranse na análise  Liberdades, dereitos civís e dereitos humanos na sociedade actual. Debaterán ao respecto Adama Sow, membro da asociación Sen Papeis da Coruña, o membro da Executiva da CIG Miguelanxo Malvido e Edurne Goikoetxea, membro de Altsasu Gurasoak. A mesa estará moderada polo profesor de Dereito David Soto, da Universidade da Coruña. Irene Tomé, no nome da CRMH e Senra pecharán as xornadas. Todas as sesións celébranse no Paraninfo da UDC (Rúa Maestranza, 9) e tamén poden seguirse ao vivo en YouTube con son orixinal ou tradución simultánea ao galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.