Así 'explica' o Goberno de España por que condecora a Virxe

O ministro do Interior, nun acto oficial coa presenza dun bispo © Ministerio do Interior

O pasado xaneiro o deputado de Amaiur no Congreso Jon Iñarritu decidiu mudar de estratexia nas críticas ao Goberno de España pola sucesión de actos que poñen en cuestión a aconfesionalidade do Estado. Unha condecoración do Mérito Civil á Virxe do Pilar, as argumentacións da ministra de Emprego sobre o papel da Virxe do Rocío en política laboral ou o ministro do Interior asegurando que Teresa de Jesús "intercedía" por España levárono a instar o Executivo a  dar unha explicación. E a resposta xa chegou.

O Goberno central tivo sobre a mesa varias preguntas para responder. "Como considera o ministro do Interior que intercede Santa Teresa de Jesús por España?" e "cal é o papel da Virxe do Rocío na saída da crise". Tamén debía aclarar se "notou melloras tras a condecoración á Virxe do Pilar" e  dar conta de se "estima que hai máis intercesións divinas e sobrenaturais na situación actual do Estado" e "de quen". Por último, e deixando xa á marxe a retranca, pedía que o Goberno explicase se "considera que respecta a aconfesionalidade do Estado" e "se ten intención de promover que España se convirta nun Estado confesional".

"A Constitución define a España como un Estado aconfesional", respóndelle o Executivo a Amaiur

Na súa resposta o Goberno, como adoito, optou por pasar por riba das preguntas para ofrecer unha brevísima resposta xenérica de apenas tres liñas que, ademais, está escasamente ligada coas cuestións formuladas. "A Constitución define a España como un Estado aconfesional no que a liberdade relixiosa e a liberdade de expresión son dereitos fundamentais e o respecto ás crenzas un valor cívico que debe preservarse". E ningunha explicación máis.

Isto sucede nun contexto no que, por exemplo, a máxima representación institucional do Estado, a Casa Real, segue a acudir periodicamente á catedral de Santiago para instar o Apóstolo a implicarse en asuntos como a crise económica ou, como sucedeu a finais do pasado ano, para reclamar fórmulas de "sostibilidade" do Estado do Benestar. Na mesma liña, o Consello de Ministros vén de aproveitar a proximidade das datas da Semana Santa para conceder ata 21 indultos por iniciativa de confrarías relixiosas, un deles para un director de banco que estafou un cliente.

Preguntas formuladas por Jon Iñarritu (premer para ampliar) © Amaiur

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.