O 21 de outubro de 2012 Alberto Núñez Feijoo revalidou a súa maioría absoluta no Parlamento galego. O PP obtivo o 45,80% dos votos, o que lle serviu para facerse con 41 dos 75 escanos. A súa vitoria asentouse non dominio esmagador nas zonas rurais do país e nas provincias orientais, nas que roldou o 50% dos sufraxios (51% en Lugo e 49% en Ourense). Na Coruña (45%) e Pontevedra (43%), o seu triunfo foi máis axustado, aínda que mesmo na comarca de Vigo -unha das zonas nas que obtivo menores porcentaxes- os populares se situaron ao redor do 35% dos apoios, superando con claridade as demais forzas.
Tan só en Vilar de Santos (Compromiso por Galicia), Parada de Sil, Pedrafita do Cebreiro, A Capela, Petín, Entrimo, Negueira de Muñiz, A Illa de Arousa, Carballeda de Avia, Castrelo de Val, Dumbría, Fornelos de Montes e Calvos de Randín (PSdeG-PSOE) e Allariz (BNG) a forza máis votada foi distinta do Partido Popular.
De feito, os populares superaron o 50% dos votos en 198 concellos, obtendo os seus mellores rexistros en Beariz (88%) e Avión (87,54%) e os peores en Vilar de Santos (27,87%) e Parada de Sil (29,14%).
O PSdG-PSOE obtivo o 20,61% dos votos e 18 escanos, un descenso de máis de dez puntos con respecto ao 2009. A Costa da Morte, a zona oriental de Lugo e determinados concellos da provincia de Ourense foron as prazas fortes dos socialistas, que obtiveron un mellor resultado nas provincias de Lugo (23%) e Ourense (24%) que na Coruña (19%) e Pontevedra (21%). Nas cidades de Vigo e Ourense (ao redor do 24%) e Lugo (22%) o PSdeG-PSOE obtivo os seus mellores resultados urbanos, ficando por debaixo do 20% na Coruña, Compostela e Pontevedra.
Pedrafita do Cebreiro (57%) e Parada de Sil (55%) foron os mellores concellos para a candidatura, en contraste cos datos de Beariz, Avión ou Vilar de Santos, por debaixo do seis por cento.
AGE foi a gran sorpresa das eleccións do 2012, obtendo finalmente o 13,9% dos votos e 9 deputados e deputadas. Nos resultados da coalición si se observa unha gran variación entre unhas zonas e outras, obtendo os seus mellores rexistros nas áreas urbanas. A diferenza obsérvase claramente nas súas porcentaxes provinciais: do 17% da Coruña ou o 14% de Pontevedra, ao 10% de Lugo e o 8% de Ourense.
Teo, Fene, Ames, Cambre e Cangas foron os mellores rexistros para a candidatura, por riba do 23% en todos os casos. En Compostela, A Coruña e Ferrol tamén superaron o 20%. Mentres, Avión, Calvos de Randín, Cualedro ou Cortegada foron os peores concellos para AGE
O BNG, pola súa banda, obtivo o 10,11% dos votos e sete escanos. cun descenso de seis puntos con respecto a 2009. A distribución provincial dos seus apoios foi bastante homoxénea, con mellores resultados en Pontevedra (12%), seguida da Coruña (10%), Lugo (9%) e Ourense (8%).
Aínda que as áreas metropolitanas das cidades e as vilas medias foron o espazo máis favorable para a candidatura, que obtivo resultados máis limitados nas zonas rurais, foi en determinados concellos de pequeno tamaño (Allariz, A Bola ou San Sadurniño) onde o BNG finalizou con mellores rexistros.