Así son os acordos internos das coalicións de En Marea e BNG para as eleccións xerais

Pleno do Congreso © Congreso dos Deputados

As condicións internas para o control, financiamento e funcionamento posterior nas institucións son algúns dos puntos máis sensibles das coalicións electorais entre distintas formacións políticas. A ausencia desa información non só viña xerando tensións internas entre partidos, senón que tamén dificultaba á Administración labores como o reparto das subvencións de campaña. Por este motivo, como avanzou El BOE nuestro de cada día o pasado abril, a Xunta Electoral Central determinou cara ás xerais do 26 de xuño sexan públicos, por primeira vez, os pactos internos das coalicións, incluíndo os aspectos financeiros. Esa publicación xa se produciu, o que permite coñecer os acordos polos que se rexen as dúas coalicións que concorren en Galicia, as de En Marea e BNG.

No caso de En Marea, o pacto é diferente ao subscrito por Podemos con IU e Equo, que rexe en todo o Estado agás en Galicia, Catalunya e a Comunitat Valenciana. Foi inscrito o 13 de maio con Carolina Bescansa, Adolfo Barrena e Rafael Dopico como representantes de Podemos, IU e Anova, respectivamente, repite "En Marea" como denominación e "Podemos-En Marea-Anova-Esquerda Unida" como "siglas da coalición".

As forzas coaligadas detallan ante a Xunta Electoral que o seu órgano de dirección é a Mesa de Coordinación. As persoas que participan nesa mesa, dúas por cada formación, "serán nomeadas para cada xuntanza" por Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos, Antón Sánchez, coordinador de Anova, e Yolanda Díaz, coordinadora de EU. "A esta comisión -detallan- incorpóranse con voz e voto as persoas da candidatura que saian electas" para o Congreso ou o Senado. As decisións da mesa "tómanse sobre a base do consenso" e, "se chegase o caso, por maioría".

A Xunta Electoral Central fai públicos por primeira vez os termos concretos das coalicións electorais

No que atinxe ás finanzas, un dos aspectos que ata agora non eran públicos nestes acordos, os socios de En Marea acordaron o reparto das subvencións electorais a partes iguais, isto é, o 33% para cada organización. Este ámbito está coordinado por unha comisión de finanzas, á que lle corresponde coordinar o destino desas achegas públicas. Coas subvencións, din, pagarán "os créditos proporcionados por votantes e simpatizantes" con fórmulas como "bonos e microcréditos" e a "recuperación das cantidades achegadas a modo de préstamo por cada partido", así como "medidas de acción política e participación cidadá. En Marea, resaltan, non participará "de produtos bancarios de financiamento" con "institucións baseadas no lucro", isto é, aos créditos dos bancos.

BNG-NÓS

Tamén o BNG concorre novamente en coalición, pactada coa Fronte Obreira Galega (FOGA) e o Partido Comunista do Pobo Galego (PCPG), se ben desta volta a identidade do Bloque prevalece sobre a da coalición, dando lugar á denominación BNG-Nós Candidatura Galega e ás siglas BNG-NÓS. A coalición ten como órgano directivo a Comisión de Dirección e Seguimento, cun representante de cada formación: Bieito Lobeira polo BNG, José Carlos de la Fuente pola FOGA e Xosé Collazo polo PCPG. A esta mesa correspóndelle trazar "as liñas xerais da estratexia" da coalición, e nel as decisións tómanse "por consenso e, en caso de que non se acade o acordo, por maioría".

En Marea e BNG-NÓS renuncian expresamente a financiaren as súas campañas con créditos bancarios

Os "principios de xestión económica" da coalición encabezada polo BNG adminístranse nunha comisión específica. Esta comisión será a que vele pola xestión das subvencións electorais "ás que teña dereito a coalición". "Unha vez canceladas todas as obrigas económicas electorais -di o acordo- distribuiranse entre as formacións políticas de maneira proporcional ás achegas económicas coas que participasen" na campaña. Neste eido as tres forzas subliñan a renuncia a "acudir ao financiamento a través de préstamos de entidades financeiras", e detalla que poden existir achegas de cada unha das organizacións e tamén as achegas individuais que fixa a lei electoral.

Liñas políticas

Os pactos de coalición rexistrados na Xunta Electoral bosquexan tamén as liñas políticas básicas da coalición. En Marea sintetízaas nun código ético con "compromisos" como a defensa dos dereitos humanos, o rexeitamento de "todo tipo de violencia" ou a "promoción da participación directa e igual de toda a cidadanía" no ámbito político. Subliñan tamén a aposta pola "igualdade, contra toda forma de racismo, xenofobia, machismo e exclusión", o "laicismo" e "os dereitos colectivos dos pobos, especialmente o dereito á autodeterminación e á libre decisión". Neste código regulan tamén as incompatibilidades, a promesa de renunciar ao cargo en caso de imputación por corrupción ou violencia machista, entre outros delitos, ou as vías para revogar o persoal de confianza.

No pacto de BNG-NÓS destaca tamén a "defensa do dereito de autodeterminación e da soberanía dos pobos, dende o respecto ao elemental principio democrático do dereito a decidir" e o "pleno desenvolvemento da identidade nacional, lingüística e cultural" de Galicia. A defensa "dos dereitos socaiis" en "clave feminista" e dos "sectores produtivos" do país ou a loita "contra a pobreza e a exclusión social" son tamén salientados nun acordo que especifica, asemade, cal sería o funcionamento da coalición no Congreso. A súa aposta, indican, é "formalizar a constitución dun grupo parlamentario propio galego" e, no caso de non acadar a representación mínima para telo, "efectuar a inegración conxunta no Grupo Mixto".

Logotipo de En Marea rexistrado na Xunta Electoral Dominio Público JEC
Logotipo de BNG-NÓS incluído no pacto Dominio Público JEC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.