Baltar pai tamén prometeu traballo á muller que denunciou o seu fillo

Baltar e Feijóo, no congreso do PP de Ourense en 2010 © PPdeG

O xefe do clan Baltar estaba ao tanto de todas as negociacións coa muller que denunciou o seu fillo por ofrecer traballo a cambio de sexo. José Luis Baltar reuniuse en varias ocasións coa denunciante, á que agora di non coñecer. Trátase de encontros celebrados en plena rúa ao longo de 2015, motivados pola negativa de José Manuel Baltar de cumprir a parte do trato que unha noite de 2010 reuniu a ambos nunha suite do Hotel Francisco II.

A gravación prodúcese tras cinco anos de promesas incumpridas e despois de que as relacións entre Baltar fillo e a denunciante se volvesen máis tensas

eldiario.es tivo acceso aos rexistros de varias das conversas entre a muller e o patriarca do clan Baltar. O seguinte audio corresponde aos primeiros meses de 2015. José Luis Baltar mantén a promesa de conseguir un traballo para a muller, pero descúlpase polas dificultades que a xustiza puña xa nesas datas ao enchufismo que practicou durante todo o seu mandato. "Nin se pode falar por teléfono", quéixase Baltar Pumar. Mira como a xente está procesada simplemente por chamar e pedir unha recomendación", conclúe o xefe do clan. Antes da despedida, unha nova promesa: "Eu xa cho miro mañá".

Escoitar audio

En setembro de 2015 prodúcese o último contacto entre o xa expresidente José Luis Baltar e a muller que denunciou o seu fillo. Pasaron cinco anos pero as promesas sucédense. Baltar pai xustifica os reiterados incumprimentos: "Ao  meu fillo non o quero meter nos líos nos que eu me metín". Malia todo, unha vez máis, os Baltar teñen un novo compromiso. "Hai que ter paciencia e conseguireicho cando poida", aclara o xefe do clan.  A denunciante non cre as promesas e insinúa o seu primeiro ultimato en cinco anos. José Luis Baltar responde: "Chegados a este punto, mándote á merda".

Escoitar audio

Malia a frecuencia dos contactos, tanto Baltar pai como o seu fillo declararon agora non coñecer a muller que o denuncia nin lembrar nada dos feitos que figuran nas gravacións adiantadas en exclusiva por eldiario.es. O Partido Popular espera desde Madrid unha explicación de Baltar. En Galicia, Alberto Núñez Feijóo preferiu poñerse de perfil e evitar condenar os feitos que se vinculan ao seu barón en Ourense.

Baltar Pumar, nun mitin con Rajoy e Feijóo © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.