Beiras propón a Noriega como 'número dous' de Anova

Martiño Noriega e Xosé Manuel Beiras CC-BY-SA Praza Pública

Tras unha asemblea nacional que deu lugar a unha heteroxénea dirección, Anova comeza a artellar os seus organismos internos. Despois da elección da Coordinadora Nacional, o líder da formación nacionalista, Xosé Manuel Beiras, vén de realizar unha proposta de dezaseis nomes para integrar a comisión permanente deste organismo. Na proposta de Beiras destaca o nome do alcalde de Teo, Martiño Noriega, como responsable de Coordinación, un cargo que o situaría, a efectos prácticos, como número dous da organización pouco despois de que o propio portavoz nacional o sinalase como outro principal "referente" de Anova.

Nesta relación de nomes, que será abordada de maneira definitiva nunha nova sesión da Coordinadora Nacional o vindeiro 13 de xullo, figuran tamén dous deputados de AGE, ademais do propio Beiras. Antón Sánchez ocuparíase de Ambiente e Sostibilidade mentres que Consuelo Martínez sería a titular da área de Acción Social. Ambas áreas están directamente relacionadas cos asuntos dos que habitualmente se ocupan no lexislativo galego.

O reparto de tarefas estará de novo sobre a mesa da Coordinadora Nacional o vindeiro día 13

Á marxe dos deputados e deputadas, as responsabilidades cunha vertente máis interna corresponderíanlle a dirixentes como Antón Araúxo, a quen Beiras lle encomenda Acción Institucional, Paula Vázquez Verao, que se ocuparía da área de Organización e Luis Eyré, que na proposta do portavoz nacional figura como titular de Relacións Políticas, o que lle outorgaría un papel destacado nos contactos con outras formacións. Carlos Méixome estaría á fronte de Alternativas Programáticas as responsabilidades comunicativas compartiríanas Mario López Rico (Comunicación) e Xosé Manuel Pérez Sardiña (Comunicación Interna e Redes). As finanzas estarán ao cargo de Concha Trigo.

O organigrama proposto por Xosé Manuel Beiras reserva tamén un apartado específico para os Movementos Sociais, que tería como máximo responsable a Xosé Manoel Santos Díaz. Das diversas políticas sectoriais encargaríanse Iolanda Pérez Docampo, en Acción Feminista, Mar Blanco, en Lingua, Xiana López Penedo, en Igualdade, e Mónica Fernández, en Patrimonio. O reparto de taréfas completano Antía Comesaña, responsable de Mocidade e Antón Dobao, que terá que desenvolver a área de Cultura e Diáspora.

Martiño Noriega e Xosé Manuel Beiras CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.