Besteiro destaca as xerais como "un paso máis para a destitución de Feijóo"

Intervención de José Ramón Gómez Besteiro © PSdeG-PSOE

O PSdeG-PSOE presentou os seus candidatos e candidatas nun acto celebrado este sábado en Compostela. O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, destacou que as eleccións xerais do 20 de decembro serán "un paso máis para a destitución de Feijóo como Presidente da Xunta" e "o segundo aviso que a sociedade galega lle dará en poucos meses".  Na súa intervención, Besteiro enumerou as crises do sector leiteiro, a crise do sector do cerco, ou as deficiencias do Hospital de Vigo, "hoxe investigado", problemas dos que fixo responsable ao presidente da Xunta. Ademais, salientou que "máis de 63.000 galegos de entre 20 e 40 anos abandonaron Galicia desde o 2009". 

"Nestes últimos meses Galicia dixo basta nas manifestacións de Vigo, Lugo e noutras cidades da nosa comunidade. Os galegos e as galegas demostraron con claridade que a súa paciencia acadou un límite", dixo, engadindo que "a Feijóo xamais lle interesou ni preocupou Galicia, sempre máis preocupado en escapar".

Besteiro pediu o voto para Pedro Sánchez, que sinalou como "única opción". "Todo o que non sexa un voto para Pedro Sánchez será un voto para a continuidade de Rajoy", asegurou, engadindo que "España quere un cambio de Goberno e ese cambio só será posible co voto aos socialistas".

Entre as propostas dos socialistas, que na campaña electoral empregarán o lema "O cambio que une", destacan o establecemento "dun ingreso mínimo vital, para os que quedaron sen ingresos", a inclusión dos dereitos sociais na Constitución ou a "derrogación da reforma laboral e a aprobación dun novo Estatuto dos Traballadores co que loitar contra a precariedade", como foi destacando Gómez Besteiro ao longo do seu discurso. "É o Partido Socialista o que ocupa a centralidade política, e é o máis preparado para liderar o goberno", afirmou, destacando que "os socialistas somos os que podemos xestionar dun xeito social, sen vítimas, a saída da crise"

Besteiro estivo acompañado de numerosos cargos socialistas, coma o eurodeputado José Blanco ou os presidentes da Deputación de Lugo e A Coruña, Darío Campos e Valentín González Formoso. No acto interviron, ademais, Luis García Maña (candidato ao Senado por Ourense), Margarita Pérez Harraíz (candidata ao Congreso por Lugo), e Abel Losada (candidato ao Senado por Pontevedra)

Presentación dos candidatos e candidatas do PSdeG-PSOE, este sábado en Compostela © PSdeG-PSOE
Intervención de José Ramón Gómez Besteiro © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.