Besteiro marca distancias coas forzas "rebeldes" que queren "dividir a poboación"

José Ramón Gómez Besteiro CC-BY-NC-SA PSdeG

Besteiro entra en campaña marcando distancias coas mareas e as candidaturas de confluencia. O secretario xeral do PSdeG cargou contra aqueles que "dividen" entre "rebeldes e submisos". En clara alusión aos alcaldes das plataformas cidadás e ás candidaturas de confluencia, o líder dos socialistas galegos asegurou este domingo na Coruña que "o próximo 20 de decembro non se trata de votar rebeldía nin submisión, senón a responsabilidade que representa o PSOE". 

No acto de presentación das candidaturas do PSdeG ás xerais pola Coruña, Besteiro chegou a mencionar o goberno grego como aviso. "En Grecia había un rebelde e deixou de selo", asegurou en referencia ao primeiro minisro Tsipras, para logo criticar "os grandes enganos que se producen na política". 

"En Grecia había un rebelde e deixou de selo", asegura Besteiro, que carga contra quen quere "dividir a poboación"

Porque para Besteiro, a única elección que hai nos vindeiros comicios é entre dous posibles presidentes: "Rajoy ou Pedro Sánchez". Nun intento por minimizar o impacto das forzas alternativas, o líder do PSdeG lembrou que “os socialistas non dividimos a poboación". "O único que sempre fixemos foi construír e xerar compromisos, contaxiar ansia de cambios e dar a cara; os cidadáns deben comprometerse e dar un paso ao fronte, a única alternativa real é Pedro Sánchez”, continuou. 

“Temos que votar contra o inmobilismo e a economía especulativa do PP”, afirmou Besteiro, e tamén “contra as opcións esencialmente liberais e socialmente coxas”, en referencia a Ciudadanos e logo de preguntarse "quen vai votar pensando en Rajoy se non ilusiona nin á dereita". “Os socialistas sempre fomos o avance, o progreso, o cambio e a reforma, fronte un PP que nunca deixou avanzar o país, como cando dicían que o matrimonio homosexual ía rematar coas familias”, dixo.

Pola súa banda, Mar Barcón, secretaria xeral dos socialistas na Coruña, presentou o acto, mentres que o secretario provincial, Julio Sacristán, falou da importancia do porta a porta “e de convencer aos indecisos da necesidade dun novo modelo de recuperación xusta e con igualdade”.

Pilar Cancela, número un da candidatura ao Congreso dos Deputados, garantiu “unha Galicia forte e unha España mellor” coa presidencia de Pedro Sánchez, apostando por “aproveitar o músculo socialista nos municipios da provincia nestas eleccións xerais, o PSOE está nunha situación óptima para ser a primeira forza”.

Por último, Ángel Mato, cabeza de lista dos socialistas da Coruña ao Senado, criticou “a recuperación económica con vítimas dos últimos catro anos, o resultado do goberno do PP foi un aumento da pobreza e os socialistas teremos como sempre o obxectivo da igualdade de oportunidades”.

Besteiro, cos candidatos pola Coruña Dominio Público @PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.