O BNG defendeu este martes no Congreso dos Deputados unha proposición non de lei (PNL) presentada conxuntamente con outras nove forzas políticas para "acabar coa discriminación lingüística no Estado español e para garantir a introdución real do galego nas diferentes administracións públicas".
A iniciativa defendida polo BNG e outros nove partidos pide "acabar coa discriminación lingüística no Estado español"
O deputado nacionalista, Néstor Rego, foi un dos encargados de defender unha iniciativa impulsada polas asociacións A Mesa pola Normalización Lingüística, Plataforma per la Llengua, Òmnium Cultural, Kontseilue, Nogara, Ciemen, Iniciativa pol asturianu e Acció Cultural del País Valencià , que contaron co apoio de dez forzas políticas da Cámara Baixa (BNG, Unidas Podemos, Bildu, ERC, PNV Junts, PDeCAT, a CUP, Más País e Compromís).
Segundo destaca o Bloque, e despois de que hai máis de corenta anos se recoñecese a oficialidade do galego e doutras linguas empregadas no territorio español, "aínda non se produciu a igualdade legal -a Constitución estabelece a obriga de saber español, mais non galego- nin tampouco o emprego normal das linguas por parte da administración do Estado, o que de facto nega a igualdade de dereitos das persoas falantes das linguas diferentes do español".
A iniciativa reclama que todas as linguas propias gocen do mesmo recoñecemento e os seus falantes dos mesmos dereitos e deberes que o español
A PNL reclama que todas as linguas propias gocen do mesmo recoñecemento e os seus falantes dos mesmos dereitos e deberes que o español. “Hai máis de cincocentas normas que impoñen, en determinados ámbitos, o uso do español en detrimento doutras linguas. Entre tanto, o número de falantes de galego vai minguando e todos os falantes da nosa lingua vemos como cada día temos enormes dificultades para poder desenvolvernos e vivir con normalidade en galego” incidiu o deputado do BNG, Néstor Rego.
Os partidos asinantes da iniciativa piden acabar coa "imposición legal do castelán" en España e estender o uso do resto de linguas
Ás portas do Congreso, representantes das asociacións pola igualdade lingüística chamaron a pór fin á "discriminación" que aseguran que o Estado practica contra as linguas minoritarias que se falan ao longo da xeografía española, e a impulsar unha política "decidida" para estender o coñecemento e o respecto ao catalán, o eúscaro, o galego ou o valenciano en todo o país.
Os partidos asinantes da iniciativa destes colectivos piden acabar co que consideran unha "imposición legal do castelán" en España, e a tal fin reclaman estender o uso das linguas cooficiais recoñecidas, garantindo o seu uso no Congreso, os tribunais de xustiza ou RTVE, permitindo que figuren na etiquetaxe de produtos, e recoñecendo novas, como o asturiano.