Caballero e Lores fan valer as súas maiorías en Vigo e Pontevedra

Investidura de Miguel Anxo Fernández Lores © Concello de Pontevedra

Cinco das sete cidades galegas mudaron os seus rexedores. Non foi o caso de Vigo e Pontevedra, onde Abel Caballero (PSdeG-PSOE) e Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) recuncaron nos seus cargos, asentados en amplas maiorías (absoluta na cidade olívica). 

En Pontevedra o Bloque quedou a un concelleiro de obter a maioría absoluta o 24 de maio. Eses 12 edís foron suficientes este sábado para investir a Miguel Anxo Fernández Lores por quinta vez como alcalde, ante a abstención de PP, PSdeG-PSOE e Ciudadanos e o voto da Marea a prol do seu propio candidato, Luís Rei. 

No seu primeiro discurso como alcalde, Lores destacou que "unha corporación mais diversa e plural representa mellor a diversidade social e entendo que esta riqueza pode e debe aportar mais pontos de vista, mais solucións, mais enfoques e mais diversidade. Estou seguro que esta pluralidade vai a arriquecer o labor de goberno e permitir atender mellor todas e cada unha das sensibilidades". Así mesmo, sinalou que "nestes tempos de sufrimento, de inxustiza social, de desigualdades, estarei a disposición dos mais desfavorecidos" e que "tentarei eliminar ou corrixir o sufrimento". De inmediato, o rexedor deu a coñecer a composición da nova xunta de goberno, que o BNG asume en solitario, e na que Carmela da Silva, Anabel Gulías, Anxos Riveiro e Carmen Fouces asumirán as concellerías que estaban en mans do PSOE. Hai poucos cambios, o que o rexedor xustifica en que "o equipo funciona ben".

Pola súa banda, o candidato da Marea, Luís Rei, criticou que o BNG non se "dirixise" a eles para buscar o seu apoio para a investidura e a xestión municipal. Rei esixiulle ao Bloque o cumprimento de cinco puntos "centrais para calquera opción de esquerda ou do nacionalismo progresista", entres eles un "Plan pola Economía e polo Emprego", unha Auditoría das contas, a desprivatización do ciclo da auga, o impulso dunha Rede de transporte público e a realización dun Orzamento participativo.

 

Caballero: "Vigo falou alto e claro, e moitos terán que escoitar"

Abel Caballero é alcalde de Vigo por terceiro mandato consecutivo, grazas ao apoio dos 17 concelleiros e concelleiras do seu grupo. O acto de constitución da nova Corporación e elección do alcalde celebrouse ás once do mediodía no auditorio do Concello, habilitado para a ocasión como sala de plenos. Na votación Abel Caballero recibiu 17 votos, Elena Muñoz (PP) 7 e Rubén Pérez (Marea de Vigo) 3.

Caballero destacou que nas eleccións do 24M os cidadáns "antepuxeron a cidade á súa propia visión política" e realizou unha serie de demandas dirixidas tanto á Xunta coma ao Goberno central, en relación co novo hospital da cidade, o trazado do AVE ou o impulso a Peinador. "Vigo falou o 24 de maio alto e claro, e moitos terán que escoitar", concluíu.

Dende a oposición Rubén Pérez (Marea), esixiu "transparencia" e dixo que a súa formación, que fará política "cun pé na institución e outro na rúa" non vai "agochar a cabeza". Elena Muñoz (PP) prometeu unha oposición "responsable e construtiva".

Investidura de Miguel Anxo Fernández Lores © Concello de Pontevedra
Abel Caballero, investido por terceira vez alcalde de Vigo © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.