Cando Weber escandalizou a Feijóo

Weber e Feijóo CC-BY-SA Praza Pública

"Estado é aquela comunidade humana que, dentro dun determinado territorio, reclama (con éxito) para si o monopolio da violencia física lexítima. O distintivo do noso tempo é que a todas as demais asociacións e individuos só se lles concede o dereito á violencia físcia na medida en que o Estado o permite". Cando o sociólogo e economista Max Weber pronunciou a súa conferencia A política como vocación, que pasaría á historia como parte da obra O político e o científico faltaban 90 anos para que Alberto Núñez Feijóo fose investido presidente da Xunta. Case un século despois de que Weber definise o Estado como "relación de dominación de homes sobre homes que se sostén por medio da violencia lexítima" tal definición, de uso común no ámbito do dereito e da ciencia política, deu lugar este martes, a un agre debate na Cámara galega.

Tal polémica chegou no marco da sesión de control ao presidente. Na súa quenda de palabra a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, introduciu a súa pregunta sobre "recortes sociais e destrución de emprego" facendo mención a que o Estado se "reserva o exercicio da violencia". "Está escrito", subliñou, cando comezou a percibirse na bancada popular unha contrariedade que confirmou o propio Feijóo ao responder. "O Diario de Sesións de hoxe recollerá unha das súas afirmacións sobre que o Estado o que se reserva é o exercicio da violencia", afeou. "Son o representante ordinario do Estado en Galicia e non podo aceptar ese tipo de maniqueísmos", acusou. "Fale menos de violencia, porque hai algúns que a sofren máis".

Feijóo: "Son o representante ordinario do Estado en Galicia e non podo aceptar ese tipo de maniqueísmos"

"Señor presidente, preocúpame en serio", retomou Díaz entre a hilaridade dalgúns membros da oposición. "Que un licenciado en Dereito non saiba que o monopolio sobre o exercicio da violencia recae no Estado, segundo din administrativistas tan importantes como Carro Valmayor, preocúpame porque estamos en moi malas mans", di a parlamentaria, para quen é "normal" que "os seus deputados e deputadas" secunden a posición do presidente "de maneira gregaria en termpos políticos". "Pero o seu é preocupante", afirma.

A controversia aínda se acrecentou máis no turno de peche do presdiente. "Defender o Estado de Dereito non é exercer ningunha actividade violenta, ao contrario, é previr a violencia", sinalou, antes de centrarse en censurar o que, ao seu xuízo, é "violencia" de Alternativa Galega de Esquerda. "Violencia é chamar esterqueira a esta Cámara, é chamarlle canallas ao grupo parlamentario escollido polos galegos -en referencia a Xosé Manuel Beiras-". Violencia, afirma, tamén é "estar todos os días enfrontando os galegos, insultando un Goberno democrático, insultando os galegos porque votan cada catro anos libremente". A de AGE, resume, é "a maior violencia que tivemos en trinta anos de democracia". Mentres, o Executivo autonómico representa "o diálogo e as liberdades".

"Castelao estaría de acordo comigo"

"Non sei o que lle di Castelao cando sabe as cousas que apoiaban en Madrid", dille o presidente ao BNG

Non foi esta a única controversia con raíces históricas da sesión de control neste pleno extraordinario. Antes de Weber xa saíra á palestra un persoeiro máis habitual no Pazo do Hórreo, Castelao. En primeiro termo foi a través do voceiro do BNG, Francisco Jorquera, quen lle lembrou ao presidente que nos últimos días se "reclamou herdeiro do testemuño político do Sempre en Galiza" e, polo tanto, instouno a asumir tamén as opinións do intelectual galeguista en ámbitos como os impostos ou a defensa do país en termos nacionais.

"Estou convencido de que Castelao estaría de acordo comigo", asegurou Feijóo tras anunciar que "chegarán a Galicia 17 millóns de euros" o imposto estatal sobre depósitos bancarios que o Executivo galego rexeitara previamente. Segundo o titular da Xunta o Bloque "instrumentaliza a Castelao". "Non sei que é o que lle di Castelao cando sabe as cousas que vostedes apoiaban en Madrid" durante os gobernos de Zapatero, espetoulle a Jorquera.

Weber e Feijóo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.