Catalunya acelera, Euskadi frea

Artur Mas e Íñigo Urkullu, nunha manifestación en Barcelona © CDC

"Eu, se fose Artur Mas, miraría ben antes de convocar unhas eleccións en clave plebiscitaria". Desta maneira expresábase un destacado dirixente do PNV inmediatamente despois de coñecerse os resultados nas urnas das eleccións municipais do pasado mes de maio. Aínda que publicamente tanto o partido que lidera Andoni Ortuzar como o lehendakari, Íñigo Urkullu, mantiveron un escrupuloso respecto polo proceso catalán, o certo é que tamén remarcaron en todo este tempo que Euskadi ten a súa propia vía que, inicialmente, pasa por unha reforma en profundidade do actual Estatuto de Gernika pactado primeiro entre os partidos na Cámara vasca.

O PNV vive o seu momento político máis doce e a súa estratexia e abandonar calquera présa no recoñecemento de Euskadi como suxeito político

O PNV, un partido institucional e de poder, está a vivir o seu momento político máis doce nestes momentos. Mentres os soberanistas cataláns de CiU han ir cedendo o control de parte das institucións logo das últimas eleccións e os converxentes de Mas pisaron o acelerador independentista, a estratexia dos peneuvistas pasa por abandonar calquera présa no proceso de recoñecemento de Euskadi como suxeito político. E electoralmente, isto que algúns bautizaron como o 'seny vasco',  viuse premiado nas urnas.

Os peneuvistas volveron ao nivel de control institucional anterior á escisión do partido en 1986. Mesmo máis, porque participar na coalición Geroa Bai permitiulles estar no Goberno do cambio en Navarra de Uxue Barkos -o até o de agora líder do PNV na Comunidade foral, Manu Ayerdi, é o home forte do novo Executivo- malia que nas últimas décadas o peso político dos peneuvistas en Navarra foi practicamente testemuñal e a bandeira soberanista ondeábaa a esquerda abertzale. No País Vasco, os de Ortuzar ampliaron o seu control institucional: gobernan no Executivo vasco, nas tres deputacións e nas tres capitais, ademais de en boa parte dos principais municipios. As perspectivas electorais para as eleccións xerais tamén son boas: o último barómetro do CIS reflicte un crecemento moi significativo dos peneuvistas no Congreso dos Deputados, que case duplicarían a súa representación, desprazando ademais o seu adversario no campo nacionalista, Amaiur: pasaría do 0,7% da enquisa de abril ao 1,3% desta sondaxe de xullo.

Historicamente, a conexión do PNV co nacionalismo catalán foi con Unió, que non comparte a estratexia rupturista de Mas

Hai un dato que se tende a esquecer na relación entre o PNV e CIU. En realidade, a conexión co nacionalismo catalán dos peneuvistas historicamente foi con Unió e co seu líder, Josep Antoni Duran i Lleida, xusto a formación da extinta federación nacionalista que non comparte a estratexia rupturista de Mais e que defendeu a virtualidade dunha terceira vía, afastada de declaracións unilaterais de independencia en Cataluña.

Con todos estes datos enriba da mesa, nin Urkullu nin Ortuzar están polo labor de se meter en aventuras soberanistas, unha estratexia que xa ensaiaron na etapa do lehendakari Juan José Ibarretxe e que acabou co PNV fóra de Ajuria Enea e con Patxi López como lehendakari co apoio dos populares. Ademais, outro dato moi significativo que diferencia o proceso catalán do que se está seguindo en Euskadi é que non hai unha presión social e cidadá en favor da independencia. De feito, todas as enquisas revelan un retroceso do independentismo vasco, que perdeu nun ano cinco puntos,  reducindo a un 25% os partidarios da independencia. No espello vasco, ese movemento que en Cataluña o representou con éxito a Asemblea Nacional Catalá e Carme Forcadell, sería Gure Esku Dago. E na súa última mobilización, o pasado 21 de xuño, perdeu pulo fronte á do ano anterior e non logrou encher os estadios vascos en favor do dereito a decidir.

Quere dicir todo isto que o futuro inquilino da Moncloa non deberá atender a pulsión soberanista latente tamén en Euskadi? En ningún caso. Ao próximo presidente do Goberno español tamén lle espera a reivindicación nacional vasca e deberá xestionar as posibilidades de encaixe que se abren ante a futura reforma da Constitución en clave federal, que defende Pedro Sáchez. Expresouno  Andoni Ortuzar no 120º aniversario do partido, celebrado co boato que a ocasión reclamaba aos pés da nova árbore de Gernika, o pasado 19 de xullo. Os peneuvistas queren influír nese novo contexto político de modificación da Carta Magna para que se recoñeza "o noso feito nacional" a través dun pacto entre iguais. Pero sen forzar a máquina. Sen estridencias. De feito, o PNV, en plena presión dun posible sorpasso por parte da esquerda abertzale que nunca condenou a ETA, incluíu no seu programa para as eleccións de 2012 unha consulta en 2015. Algo que non se vai a producir e que o líder de EH Bildu, Hasier Arraiz, lembra sempre que pode para pór en evidencia a estratexia contemporizadora dos de Ortuzar.

O PNV busca a bilateralidade e o recoñecemento do pobo vasco como "suxeito político con ámbitos distintos de decisión", en Euskadi, Navarra e País Vasco francés

Agora o PNV está forte electoralmente, ten un pacto cos socialistas e ocupa todo o poder institucional. E nese contexto, a palabra crave será cada vez máis a bilateralidade. Algo que permitiría -ese é o anceio peneuvista, incluído no decálogo do xuramento realizado no acto de Gernika- o recoñecemento da colectividade vasca "como nación, de ser dona do seu propio destino. Un suxeito político con ámbitos de distintos de decisión", en alusión ás diferentes realidades administrativas existentes: País Vasco, Navarra e o País Vasco francés.

Os socialistas vascos xa marcaron tamén os seus ritmos:  prefiren abordar a reforma constitucional primeiro e, despois, entrar a modificar "en profundidade" o Estatuto de Gernika.  Idoia Mendia, a líder do PSE-EE, advertiu que hai percorrido para actualizar o status vasco, pero non para incluír o dereito a decidir, algo inviable "porque non existe", precisou nunha entrevista antes de verán. Profundar o autogoberno, recoñecemento de Euskadi como nación desde un punto de vista cultural, blindaxe de competencias, si. "Nesas cuestións pode haber un punto de encontro cos nacionalistas. No marco desa Constitución federal, trasladeille ao PNV que eles debían participar e mollarse nesa reforma", sostén Mendia.

Socialistas e peneuvistas parecen converxer nun calendario que pasa polo cambio na Moncloa e a consecución dun acordo amplo en Euskadi sobre o seu novo status e o encaixe na reforma da Constitución. Logo do parón estival e o que poida deparar o 27-S, ambos os dous partidos -socios nas principais institucións vascas- deberán decidir que facer no relatorio de autogoberno do Parlamento vasco e como encarar a segunda fase. O lehendakari busca un acordo transversal; os socialistas, o posible encaixe de Euskadi na realidade que xurda da reforma da Constitución en clave federal. De novo desde o acordo, sen que nada rinche demasiado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.