A crise de Ciudadanos continúa. A decisión da dirección de apartar o xa ex deputado e número un pola Coruña, Antonio Rodríguez, provocou a revolta de varios afiliados e dos coordinadores de cinco agrupacións locais da provincia. A substitución do que fora parlamentario polo ex candidato á Xunta de UPyD, José Canedo, fixo agromar duras críticas nas que mesmo se acusa a executiva de Albert Rivera de coaccións e chantaxe.
Todos os dardos apuntan a secretaría de Organización de Ciudadanos a nivel estatal e ao seu responsable, Fran Hervías. A última acusacion, a destitución encuberta dos coordinadores que apoiaron publicamente a Antonio Rodríguez, que en rolda de prensa o pasado mércores asegurou que desde Madrid lle ofreceran mesmo ser candidato á Xunta se renunciaba sen reproches a liderar a candidatura e que culpou a dirección de pedirlle que renunciase el mesmo mediante unha carta ao número un da lista. De non facelo, sería a direciva a que o faría, a risco de que "puidese saír prexudicada a imaxe pública" do ex parlamentario.
"Rodríguez preferiu que o quitásemos nós das lisas e así o fixemos", recoñece Hervías, secretario de Organización de Ciudadanos
A nova cabeza de lista por Pontevedra, María Rey, móstrase favorable aos cambios e cre que "o partido ten que facer limpeza". "Teñen que estar plenamente convencidos de estar neste partido; o que teña dúbidas ou non estea de acordo coa estrutura ou os estatutos, xa saben onde está a porta", dixo.
Pola súa banda, Fran Hervías, secretario de Organización, recoñeceu en declaracións a Radio Voz que si lle pediu a Rodríguez "que renunciase". "E que non tivésemos que quitalo nós; el preferiu que o quitásemos, así o respectamos e así o fixemos", dixo. O membro da executiva de Ciudadanos insistiu en que a decisión de apartar o deputado debeuse a que "non cumpriu coas expectativas" e insiste en que a non renovación da lista foi aprobada "de acordo cos estatutos e o regulamento" da formación e "co 85% de votos a favor do consello xeral do partido".
A dirección de C's acusa os críticos en Galicia de "danar a imaxe pública con críticas destrutivas abertas"
Ademais, Hervías lamentou que membros de Ciudadanos "non coñezan o seu regulamento interno" e acuso os críticos de "utilizar o seu cargo para intereses personais". "Entristecen as formas que empregaron algúns, interesados noutros métodos para buscar outra finalidade e dicindo cousas que non son certas", conta. "Hai xente dentro que decidiu danar a imaxe pública con críticas destrutivas abertas", dixo o secretario de Organización, que cre, no entanto, que o conflito "non afectará" aos resultados electorais. "Os coruñeses son suficientemente maduros como para diferenciar unha crise interna duns poucos afiliados un proxecto", engadiu.
Hervías negou que houbese "destitución ningunha nin apertura de expediente disciplinario", pero si recoñece que se lle retiraron as claves da intranet -rede interna de responsables de Ciudadanos- aos responsables das redes sociais na provincia da Coruña e nalgunhas agrupacións por "facer un mal uso" delas. Fíxose sen avisar previamente a estes responsables locais porque "un coordinador debe manter a cohesión do grupo". "Cando non fala en nome de toda a agrupación, senón a título individual, o partido activa este protocolo interno", insistiu tras aclarar que houbo "moitos afiliados que manifestaron en correos e mensaxes que estaban de acordo coa substitución" de Antonio Rodríguez.
Ciudadanos retirou as claves da rede de internet interna aos críticos por "facer mal uso" delas
Hervías presumiu de "democracia interna e transparencia" e anunciou unha asemblea aberta para todos os afiliados de Ciudadanos en Galicia para o vindeiro sábado. Alí, di, intentarán aclarar os cambios levados a cabo e que veñen de provocar unha grave crise na formación laranxa no país, unhah das varias que acumula nos últimos meses.