Conde Roa, aferrado á alcaldía, admite que pagou débedas da súa empresa con cartos do IVE

Conde Roa amosa os seus edificios CC-BY-SA Merixo

Gerardo Conde Roa en estado puro. O alcalde de Santiago tiña na tarde deste luns unha desas citas que un político ao uso só lle desexa aos seus peores inimigos. Máis dunha vintena de xornalistas, dez cámaras de televisión e un mar de flashes agardábano na sala de prensa do Concello para recoller en directo o xeito en que contestaría a dúas preguntas: defraudou case 300.000 euros a Facenda? E, por extensión, dimitirá? E Conde Roa respondeu. Profusamente, prolixo en detalles e abondoso en anécdotas e mesmo metáforas taurinas. O rexedor compostelán dispúxose a "coller o touro polos cornos" para explicar que si, que lle debe 291.000 euros ás arcas públicas en concepto de IVE de máis de medio cento de pisos construídos pola súa promotora inmobiliaria, que a Axencia Tributaria o apercibiu por isto e que o Ministerio Fiscal se querelou contra el. "Outra cousa é que haxa fraude fiscal", advirte, razón pola cal seguirá no seu cargo con "moito ánimo de servir á sociedade".

Conde Roa asegura que os cartos están "nos bancos" e xustifica o impagamento polos "gravísimos problemas económicos" da súa empresa

Non houbo fraude, razoa o político conservador, porque non existiu unha "ocultación deliberada de datos", se ben foi Facenda quen o "requiriu", e non ao revés. "Pero eu estaba xa en contacto con Facenda, estábamos pagando o IVE doutro ano anterior". Este tipo de débedas "hai que notificalas a Facenda?", pregúntase retoricamente. "Depende, nalgúns casos notifícase e noutros espérase a que sexa a Axencia Tributaria" a que avise de que "está á espera para presentar a explicación". É precisamente esa explicación, que terá que expoñer ante o xuíz este xoves, a que puxo en escena ante a prensa. Para isto remitiuse a dúas operacións da súa empresa, Geslander, "algo máis ca unha promotora, unha idea para poñer en marcha vivendas dignas de calidade", en Lalín, en Daimiel (Ciudad Real) e en Parla (Madrid). Eran construcións "dunha calidade excepcional", todas "de protección oficial". Pero con "gravísimos problemas económicos", nos que se apoia toda a argumentación do alcalde.

É nese percorrido polas obras no que Conde Roa, ao carón dunha pantalla que amosaba recreacións das vivendas, realizou a menos ortodoxa das exposicións políticas para reiterar que "non hai fraude" nin "delito" no seu xeito de proceder. En Lalín, os cambios de condicións por parte do Concello e a Xunta producen un "atraso enorme" na promoción inmobiliaria e remata por vender "sete de 28 vivendas", cunha perda de tres millóns de euros. En Daimiel danse "dificultades nas vendas" malia seren "moi bonitas" as vivendas, a malograda Caja Castilla-La Mancha pecha a billa do crédito e a empresa de Conde Roa "come con patacas" as casas e 500.000 euros de perdas. En Parla, Iberdrola forza a Geslander a abonar 30.000 euros para pagar parte dun novo transformador eléctrico que lle dese servizo ao aire acondicionado das edificacións e a construtora sofre un novo buraco. Resultado: "onde están" os 291.000 euros que lle tería que ter pagado a Facenda? "Nos bancos", resume Conde Roa. "Cando en Lalín non se venden as vivendas nin se venden en Daimiel, o banco di que rematou".

Conversas con Facenda e con Feijóo

"Gustaríame ver cantos hai que se poñan diante de Facenda, a peito descuberto, como José Tomás ante un bo morlaco"

No medio do marasmo e do relato personificado da crise do ladrillo, unha concreción. Os cartos que tiñan que ter ido ao erario "foron para cubrir débedas bancarias, débedas con provedores e aqueles traballos que se fixeran, para que ninguén quedase sen cobrar". "Cobraron os bancos, os construtores, os pequenos empresarios que participaron nas obras e as obras rematáronse, todas" e algunhas están "felizmente habitadas". Nas de Parla, por exemplo, "hai polacos, colombianos, checos... xente que naquel momento puido pagarse a súa vivenda". Pero Facenda non cobrou, se ben, asegura, a súa intención sempre foi abonar o que debe, mesmo antes de que o inspector que levou o seu caso concretase o montante total do IVE impagado. De feito, ao alcalde de Compostela "gustaríalle ver cantos hai" que "se poñan diante de Facenda como me puxen eu, a peito descuberto, como José Tomás diante dun bo morlaco, sendo un cargo público, coñecéndome dende o porteiro e o vixilante xurado" da sede da Axencia Tributaria.

En síntese: hai débeda, pero el "non quedou cun só euro de Facenda", porque, reitera, os cartos "foron destinados a rematar as promocións" da súa empresa. O IVE, mantén "ía ser pagado". Como? "A prazos", con créditos bancarios ou axudas de "amigos e familiares". Xa o tería, feito, pero "non pode reunir 50 millóns das antigas pesetas en tres meses", di. A súa situación, ao cabo, asegura, non é distinta da de moitos outros. Non en van, "calquera español sufriu nalgún momento" un apercibimento coma este por parte de Facenda. "Non me chamen imputado, só son un querelado". Isto é, di, o que figura na querela que recibiu este mesmo luns e que non leu en profundidade por ter que participar nas festas da Pascua de Padrón. Nese documento xudicial o Fiscal tamén lle atribúe "vontade de defraudar", pero Conde Roa réstalle "importancia". "Cando unha querela se presenta contra alguén, non se di que é un santo varón".

"Falei co presidente da Xunta, foi unha conversa cordial e correcta"

Dadas as circunstancias e cando xa pasara máis dunha hora dende o inicio da śua intervención só restaba coñecer a repercusión que no seo do PP está a ter todo este episodio con Facenda e a súa negativa a ceder o bastón de mando. "Falei co presidente da Xunta, foi unha conversa cordial e correcta", afirma. No seo do seu partido, abonda, están "tranquilos" porque "me coñecen dende hai anos". E lonxe de deixar lugar a unha posible dimisión, si abre oco á posible exstencia dunha tram contra el. A cabeza de Conde Roa "xa está traballando", matinando en "que é o que hai por tras" da querela. "Aquí hai algo, unha dixestión pesada; de momento estamos a tomar un pouco sal de froitas", asevera, para ilustrar unha situación que lle lembra ao grupo Pink Floyd e a "un LP que se chamaba The dark side of the Moon". "Eu chegarei á cara oculta". Todo isto exporao ás 12 da mañá do día 12 ante o xuíz. Unha hora antes, o cómico Leo Bassi realizará unha particular actuación na propia casa do Concello de Santiago.

Conde Roa, nun intre da comparecencia CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.