Condenas de entre 10 e 18 anos para catro persoas acusadas de ser parte de Resistencia Galega

A Audiencia Nacional © Abogacía.es

A Audiencia Nacional vén de condenar a penas de entre 10 e 18 anos de cárcere a catro persoas acusadas de integrar Resistencia Galega polos delitos de integración en banda terrorista, tenencia de explosivos e falsificación de documentos. Coa súa sentenza, a Audiencia dá por boa a existencia dun grupo terrorista organizado en Galicia. Trátase do primeiro documento xurídico que chega a esa conclusión tras a desaparición do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceibe, que no ano 1988 obtivo repercusión por colocar unha bomba no chalé de Manuel Fraga en Perbes.

Os condenados son Eduardo Vigo e Roberto Rodríguez, que terán que cumprir 18 anos de prisión, e Antón Santos e María Osorio López, sobre os que recaeron 10 anos de cárcere ao non consideralos a Sección Terceira da Audiencia responsables do delito de tenencia de explosivos, na que supón a primeira sentenza a membros deste grupo por pertenza a banda terrorista.

Eduardo Vigo foi detido en outubro de 2011 nunha peaxe da AP-9, á altura de Teo, cando ía nun coche que contiña tres artefactos explosivos que estaban, segundo a sentenza, "preparados e temporizados para a súa explosión", que lle entregou Roberto Rodríguez.

A Audiencia dá por boa a existencia dun grupo terrorista en Galicia

A sentenza relaciona os condenados coa elaboración de explosivos caseiros e cos atentados contra entidades bancarias e sedes do PSOE e PP nas que se produciron cuantiosos danos materiais.

A decisión do Tribunal, presidido polo maxistrado Alfonso Guevara, contrasta cos posicionamentos públicos de toda a oposición no Parlamento galego que advertiu do sobredimensionamiento que estaba a rodear o proceso xudicial. A principios de abril toda a oposición uniuse ao redor dese consenso. A iniciativa do BNG, os demais grupos, PSdeG e AGE, aceptaron asinar tamén unha iniciativa parlamentaria que solicitou o fin do uso abusivo do réxime de incomunicación ao que estiveron sometidos os agora condenados. Naquel momento Francisco Jorquera, portavoz do BNG declarou: "Negamos a maior, a existencia de terrorismo en Galicia".

Durante o xuízo, o presidente do tribunal impediu a realización da proba pericial da defensa e expulsou a Carlos Taibo e Bernardo Maiz

Na súa declaración ante o tribunal todos os condenados negaron a súa pertenza a banda armada e denunciaron o uso da violencia para a obtención de obxectivos políticos. Con todo, o tribunal decidiu non dar credibilidade a esas declaracións e non consideralas en descargo dos acusados.

Durante o xuízo Guevara impediu a realización da proba pericial exposta polas defensas e expulsou aos expertos Carlos Taibo e Bernardo Maiz no momento no que puxeron en dúbida "o salto perigoso entre intuicións, sospeitas e certezas". Guevara tamén se enfrontou durante o xuízo ao portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, a quen mandou gardar silencio durante a súa intervención como testemuña por videoconferencia.

A Audiencia Nacional © Abogacía.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.